Nota de Prensa
A EXECUTIVA COMARCAL DO BNG DE LUGO CRITICA O DESMANTELAMENTO DE CICLOS DE FORMACIÓN PROFESIONAL QUE ESTÁ A LEVAR A CABO A XUNTA
A formación nacionalista cre que se está a producir a maior regresión na oferta educativa que se ten producido en Lugo en décadas, xa que eliminan 8 ciclos completos de formación profesional e 20 módulos, deixando Lugo sen formación profesional en áreas coma o turismo ou o transporte
Para o BNG, isto manifesta claramente a forma de facer política do PP: menos diñeiro en ensino público e máis gasto no ensino privado
Lugo, 12 de xullo de 2010. A Executiva Comarcal do BNG de Lugo fixo públicas hoxe as súas críticas á política educativa do PP na Xunta de Galiza xa que considera que a eliminación de Ciclos de Formación Profesional en Institutos de Lugo é a máis grave redución educativa que se ten producido en Lugo en décadas. Segundo defende o BNG da comarca de Lugo, esta redución histórica supón deixar aos lucenses sen posibilidades de acceder a estudos importantes para a formación en materia laboral. Para a organización nacionalista, isto manifesta a maneira de actuar e facer política do PP: menos formación,máis desemprego, menos diñeiro para o ensino público e máis gasto no ensino privado.
A Consellaría de Educación vén de publicar a Orde de 11 de xuño de 2010 de actualización da oferta educativa dos ciclos formativos de formación profesional polo réxime ordinario, por curso completo en modalidade presencial, a partir do curso 2010-2011, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galiza.Nesa Orde, a Xunta do PP decidiu eliminar diversos ciclos formativos dos que se viñan impartindo até agora, e en concreto, suprimiu oito ciclos superiores e medios nos IES de Becerreá, Burela, Foz, Lugo (2), Monforte de Lemos e Viveiro, así como 20 módulos de diferentes ciclos de grado medio e superior.
Esta decisión implica laminar a oferta educativa de ciclos nas comarcas de Lugo, provocando en primeiro lugar unha redución das posibilidades de acceso a estudos que se caracterizan por un alto grao de posibilidades e inserción laboral. Por outro lado, esta redución histórica significa o desprazamento e o éxodo educativo de moito alumnado que terá que marchar da súa casa para buscar noutras comarcas onde cursar estudos de Formación profesional. Moitas ramas profesionais como a do transporte ou a do turismo quedan sen ciclos en Lugo ao eliminárense os ciclos superiores de Xestión do Transporte no IES As Mercedes de Lugo e o CS de Información e Comercialización Turística no Río Cabe de Monforte, co cal aqueles que desexen cursalas terán que desprazarse a outras provincias.
Ademais, nunha das disposicións introducidas nesta orde, eleva de 8 a 12 o número mínimo de solicitudes de matrícula admitidas por cada centro educativo nas cidades, e de 6 a 8 as solicitudes en cada centro do resto de Galiza, para cada un dos ciclos formativos de grao medio ou superior. Segundo a orde, un número menor de solicitudes esixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento esta ensinanza, e mentres que non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar matrícula ningunha. En consecuencia, non parece previsíbel que ningún alumno/a opte por facer a solicitude de matrícula nun ciclo do que non ten seguridade que se vai impartir. Tal decisión ten aínda unha repercusión maior, dado que se trata de concellos pertencentes ao rural, nos que se está a producir unha forte perda de poboación, cuestión que a Administración debe ter en conta á hora do mantemento do servizos públicos básicos.
Polo exposto, a executiva comarcal do BNG de Lugo, esixe á Xunta de Galiza, nomeadamente á súa Consellería de Educación, que manteña a oferta educativa vixente no ano 2009, que inclúe a non supresión dos oito ciclos e 20 módulos dos IES lucenses, e ao mantemento da oferta nos ciclos formativos polo réxime ordinario e a oferta modular de persoas adultas en todos os centros de ensino da provincia de Lugo, garantindo ademais que o número mínimo para a continuidade dos ciclos formativos sexa de 6 alumnos/as.
Ademais, desde o BNG instouse á Consellería de Educación a que amplíe o prazo de matrícula para os ciclos formativos ata o mes de setembro coa finalidade de darlle a posibilidade de matricularse a aquel alumnado de Bacharelato que esgote as probas extraordinarias de setembro ou que non superase as probas de selectividade.