Cervo, 16 febreiro de 2022. O Concello de Cervo leva a pleno este xoves a aprobación definitiva do Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia, asentamento de carácter histórico e de singular valor arquitectónico.
Este plan, que iniciou os procedementos administrativos para a súa aprobación en xullo do ano 2018, xa ten todos os informes administrativos favorables.
O plan, que delimita toda a zona afectada polo xacemento -20.000 m2-, regula os usos permitidos, compatibles e prohibidos sobre os elementos protexidos; e a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superficie a preservar; entre outros aspectos”.
A zona da Atalaia está inventariada por Patrimonio desde o ano 2007, polo que calquera actuación urbanística que se pretenda realizar en todo o entorno da Atalaia debe ser sempre baixo o pertinente informe desa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Neste sentido, a redacción do Plan obedece ao fin primordial de actuar nas dúas edificacións que causan o feísmo na contorna do faro. A primeira xa foi adquirida no mes de decembro pola administración local, despois dunha ardua negociación cos propietarios.
No referente á segunda, a estrutura inacabada da Atalaia, o Concello compareceu na poxa pola súa adquisición. Hai que lembrar que o edificio, xunto cos terreos, saíron a poxa despois dos trámites administrativos realizados desde o Concello e que ten unha orde de demolición desde o ano 2019, cando se iniciou un informe técnico de reposición da legalidade, que desembocou en tres multas coercitivas por un valor total de 13.000€. Tras a comparecencia na poxa, o SAREB presentou alegacións e mellorou a oferta, sorprendentemente, impedindo que o ente local se fixera cos terreos.
Villares criticou “a mala fe do SAREB, que recordemos é unha entidade semipública, a cal está a poñer trabas e impedimentos para actuar nesta edificación” e apuntou que “coa aprobación deste Plan de Protección imos ter o instrumento necesario para expropiar eses terreos, no caso de que non se consiga chegar a un acordo, e así acabar con eses feísmos arquitectónicos, mellorar a seguridade e poñer en valor toda a contorna da Atalaia”.