Nota de Prensa
CERVO
Do Grupo de Cerámicas Sargadelos dependen 121 familias, case todas de Cervo, polo que é normal que o BNG se preocupara en 2009 e agora, o raro é que a Balseiro lle moleste
Os nacionalistas cualifican a Balseiro de charlatán que pon escusas de mal pagador cando incumpre un tras outro os seus compromisos
Os nacionalistas anunciaron iniciativas no Concello e no Parlamento para apoiar a viabilidade da empresa e evitar a perda de empregos
Cervo, 12 de xullo de 2010. O BNG anunciou a presentación de iniciativas tanto no ámbito municipal como do Parlamento Galego en relación á situación do Grupo de Cerámicas Sargadelos que anunciou recentemente a posibilidade de prescindir de persoal tanto nas instalacións de Sada como de Cervo, onde quedarían sen emprego 34 persoas. Os nacionalistas xa presentaran unha iniciativa municipal en maio de 2009 após a presentación do primeiro ERE para apoiar a viabilidade da empresa e evitar a perda de emprego que foi emendada polo PP asumindo o goberno local a mediación con outras administracións para os mesmos fins.
O importante son os empregos e a subsistencia desta emblemática empresa que está xerando gran preocupación entre moitas familias de Cervo
Para o BNG a importancia de Sargadelos ven derivada non só do seu carácter emblemático que soborda a cuestión empresarial, senón tamén na situación actual, “para nos e moi importante a gran preocupación de moitas familias de Cervo que ven perigar os seus postos de traballo”. Neste sentido fixeron fincapé na porcentaxe de mulleres que realizan un traballo especializado na empresa que na actualidade achégase ao 70% dun cadro de persoal formado por 121 persoas das que o 40% estaría afectado pola posibilidade de perda de emprego.
O goberno local no seu conxunto e persoalmente o Sr. Balseiro asumiron a responsabilidade dunha mediación para evitar a perda de emprego.
Dende o BNG cervense volveron insistir en que o acordo plenario promovido polo BNG en maio de 2009 vinculaba ao goberno local a unha mediación con outras administracións a fin de apoiar a viabilidade da empresa e resgardar os postos de traballo da planta cervense, e foi José Manuel Balseiro quen na súa condición de parlamentar do PP anunciou a súa mediación co goberno galego “non e de recibo que agora diga que cumpre os seus compromisos cando á vista está que non o fixo, nin el persoalmente nin o goberno municipal do que forma parte”. Os nacionalistas centraron fundamentalmente na Xunta de Galiza a capacidade e competencias tanto no eido laboral como no económico para apoiar a continuidade da empresa, “o goberno galego ten competencias para evitar un golpe social, económico e cultural como o que suporía o declive desta empresa que foi dende a súa creación en 1970 unha referencia para o conxunto do país e nomeadamente para o Concello de Cervo.
Os nacionalistas promoverán iniciativas tanto non concello como no Parlamento Galego.
Os nacionalistas anunciaron a presentación de iniciativas tanto no concello de Cervo como no Parlamento Galego a fin de interesarse polas xestións realizadas tanto polo goberno local como por outras administracións dende maio de 2009, “e de especial interese coñecer os trámites realizados pola Consellaría de Traballo e as entidades dependentes da Xunta que teñen capacidade de apoio económico para a continuidade da empresa e a garantía dos postos de traballo existentes”