A Mariña, sábado 12 de febreiro 2022. Diante da situación de preocupación e incerteza que se está a vivir no Valadouro e Alfoz e na Mariña en xeral coa ubicación da Central Hidroeléctrica Reversible Xistral proposta por Atalaya Generación-Desarrollos del Malache e comunicada aos concellos afectados desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico abrindo un período de consultas nos mesmos, desde o BNG van levar senllas iniciativas ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia co obxecto de que os gobernos do PP e do Psoe na Xunta e no Estado, que son os que tenen todas as competencias en materia de enerxía, medio ambiente, medio rural….poñan toda a información e de xeito riguroso a disposición de concellos e veciñanza.
Para o Bng, a preocupación suscitada pola ubicación desta central para producir e comercializar enerxía debe darse con todo rigor e con todos os datos, máxime no momento en que a comarca da Mariña atravesa unha situación preocupante no eido industrial e no emprego polo que tanto Psoe como PP deben estar á altura das institucións que representan (Goberno da Xunta e Goberno do Estado) que son as que tenen toda a responsabilidade neste asunto.
PP e Psoe, responsables da delicada situación que atravesa A Mariña
Desde a formación nacionalista piden tamén a PP e Psoe que non utilicen neste e noutros casos anuncios-reclamo de inversións millonarias e grandes beneficios para as economías municipais como condicionantes para levar adiante proxectos que non están testados nin contrastados polo momento, polo que tanto no Congreso coma no Parlamento de Galicia son Psoe e PP quen deben dar explicacións, porque na complicada situación que atravesan a Mariña e o seu futuro tenen moito que ver os dous partidos estatais que durante décadas deixaron á comarca sen infraestruturas e sen ningún tipo de planificación industrial e sen planificación enerxética para Galiza.