A Mariña, 7 de xaneiro, 2022. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a Asociación Petón do Lobo damos a voz de alarma e manifestamos a nosa absoluta oposición ao proxecto da central hidroeléctrica Xistral (936 MWE), que o grupo de explotación enerxética aragonés Alatalaya Generación -con negocio tamén no sector eólico e fotovoltaico- ameaza con instalar nos concellos de O Valadouro, Ourol, Alfoz, Cervo e Xove.
Queremos amosar asemade o noso total apoio á recén creada Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica Xistral, e animamos á cidadanía no seu conxunto a participar na campaña de alegacións ao proxecto, activada tanto por esta organización veciñal como pola Asociación Petón do Lobo. Aos alcaldes de O Valadouro e Alfoz, que nestes días alardearon publicamente do seu apoio a esta nova ofensiva espoliadora, instámolos a traballar para o seu pobo, que é a quen se deben, en lugar de pretender lavar a cara dun plan empresarial que pon en risco a habitabilidade da comarca.
As estruturas megalómanas desta empresa conlevarán a destrucción da Serra do Xistral, o seu importante sistema de turbeiras, así como afeccción directa ao río Ouro que, como alertan xa dende a veciñanza, implicaría secar o seu caudal e facer desaparecer os regueiros que emanan da mesma. Estes recursos hídricos, como o Recaré e o Vilacampa, son imprescindíbeis tanto para o mantemento da biodiversidade da zona como para actividades profesionais como a produción de alimentos, nunha contorna que non só foi obxecto de concentración parcelaria recente -nomeadamente na zona do Recaré-, senón que ademais acolleu mocidade que se vén de incorporar á actividade agraria, facendo unha importante aposta vital e económica por un rural con futuro que agora está en risco obxectivo. De feito, o proxecto presentado polo grupo empresarial aragonés nin sequera ten en conta cuestións tan esenciais como a evolución do clima ou a evolución dos caudais do río Ouro á hora de avaliar as captacións de auga previstas para repoñer a evaporación.
Ademais do seu impacto destructivo a nivel medioambiental, esta megainstalación eléctrica exemplifica á perfección a falta de ética e o comportamento abusivo que, grazas á connivencia de administracións como o Goberno central ou Xunta de Galicia, estanse permitindo ter este tipo empresas. A Macrocentral Hidroeléctrica Xistral procura a deleznable finalidade de producir enerxía para ser almacenada e posta no mercado cando os prezos sexan máis caros. É dicir, rebentar a nosa terra para especular brutalmente cun ben básico para o benestar das persoas como é a enerxía.
Kilómetros de terras agrarias absolutamente anegadas, muros de máis de cincuenta metros de altura a escasa distancia das casas, chimeneas de case 200 metros de altura e diámetros internos de ata 30 metros, e máis de trinta túneles perforando o subsolo do Val do Ouro convertirían este entorno natural de importantísimo valor ecolóxico, agrario e paisaxístico nun espazo medioambiental absolutamente estrangulado, tanto a nivel superficial como de capas freáticas, que non daría para máis que para espantar a calqueira persoa que pretenda ficar ou instalarse nesta zona rural.
Eólicos, minas, explotación fotovoltaica, monocultivo de eucaliptos, apoio á instalación de agroindustrias contaminantes e precarizadoras, e agora tamén anegar poboacións ao máis puro estilo franquista. Expulsar ás persoas que vivimos no medio rural e disuadir a quen pretenda iniciar unha vida nel, co obxectivo de deixar libres extensións de terra para que podan ser espoliadas por empresas que logo nos cobrarán eses bens básicos a prezos absolutamente desorbitados e insultantes, vén sendo unha constante dos Gobernos estatal e galego nos últimos anos, escudándose nunha suposta transición “xusta” cara enerxías limpas, que na práctica carece por completo de toda hixiene ética nin medioambiental.
Dende o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Petón do Lobo denunciamos que, co obxectivo de deixar deshabitadas extensións estratéxicas de territorio, tanto o Partido Socialista no Estado español, como o Partido Popular no Goberno galego, están a deturpar a lexítima función da Administración pública, a cal, en lugar de traballar polo benestar da cidadanía, está a supór unha ameza constante que mantén angustiada á poboación das aldeas galegas, ante a incertidume de se espertarán ao día seguinte con unha sentenza de morte publicada no DOG ou no BOE.