A Mariña, 2 de febreiro, 2022. O pasado martes día 1 celebraronse na empresa CYRGA,S.A., a maior das empresas auxiliares de Alcoa, as eleccións sindicais para a renovación do seu Comité de Empresa. Estaban convocados para este proceso os 96 traballadores e traballadoras que conforman o cadro de persoal, dos cales exerceron o seu dereito de voto 91, o que representa unha participación dun 95%.
O escrutinio outorgoulle á Confederación Intersindical Galega o 56% dos votos emitidos, o que supón un incremento cercano a 6 puntos porcentuais con respecto ás anteriores eleccións. As candidaturas de CCOO e de UGT, os outros dous sindicatos que participaban nestas eleccións, obtiveron o 28% e o 13% dos votos, respectivamente.
Traducido o escrutinio a representantes, a CIG consigue tres delegados no Comité de Empresa, por un representante para cada un dos outros sindicatos. Deste xeito, a CIG renova a maioría absoluta que xa tiña e Diego Fernándezm, que encabeza a candidatura da central nacionalista, repetirá como Presidente á fronte do Comité.
Desde a Confederación Intersindical Galega queremos destacar a masiva participación no proceso e agradecer o grande apoio dos traballadores e traballadoras á CIG, que vén confirmar a nosa liña sindical na empresa e contribúe a consolidar o liderado do noso sindicato a nivel nacional.