Viveiro, 31 de xaneiro de 2022. O Concello de Viveiro anuncia que este ano recuperará a celebración do Entroido, previsto para a última semana de febreiro. O goberno local retoma así esta festividade, limitada nas dúas últimas edicións polo contexto sanitario. Nas próximas semanas, o Concello informará da programación completa e das bases do desfile de Entroido.
A decisión de retomar o Entroido por parte do Concello de Viveiro baséase nas novas medidas sanitarias anunciadas polo goberno autonómico, que prognostican unha mellora da situación epidemiolóxico. Non obstante, terase en conta en todo momento a evolución do contexto sanitario.
O goberno local está a piques de pechar unha programación con actividades seguras e coas adaptadas ás medidas sanitarias. O Concello de Viveiro leva meses propoñendo eventos culturais seguros, o que avala a seguridade sanitaria das actividades do Entroido.
Dende o goberno municipal infórmase que próximamente se dará a coñecer o programa completo deste Entroido, na que, en todo caso, se incluirán as citas e actividades máis tradicionais. Entre elas, celebraranse as Alpuxarradas, que terán lugar o sábado; o día do Neno, programado para o luns; o desfile de Entroido, previsto para martes 1 de marzo; e o enterro da Sardiña, que se celebra o mércores de cinza.
“O Entroido é unha das festas máis importantes para Viveiro, polo arraigo desta tradición na nosa vila e tamén polo atractivo turístico que supón. Polo tanto, recuperar esta festa era unha das nosas prioridades tras os momentos máis duros da pandemia”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.