Ribadeo, 29 de xaneiro 2022. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, denuncia trala celebración do pleno ordinario deste mes de xaneiro que “o goberno do BNG aínda está a pagar facturas pendentes do 2018 correspondentes ao pan do piso tutelado que xa non é titularidade do Concello dende xa fai 3 anos”. Os populares consideran unha “irresponsabilidade” que o goberno local aínda pague no 2022 facturas pendentes do 2018 e que se debe a que “non fixo as cousas ben”.
O voceiro tamén apunta que “foi aprobado en pleno o pago dunha factura de máis de 5.000 euros en combustible. Seguramente á empresa non lle guste cobrar con atraso, pero este goberno do BNG di que non pode facer máis e que a culpa é das empresas que presentan tarde as facturas ou dos funcionarios. Coma sempre, a culpa é de todos menos do goberno do BNG”, lamenta.
Para evitar este tipo de situacións; tanto o servizo de abastecemento de combustible coma o da luz ou a telefonía “deberían sacarse a concurso público en tempo e forma”; pero “é moi mala a xestión do BNG”, considera o popular. Neste sentido, indica que “noutros Concellos estes procesos os xestiona a Fegamp, pero este goberno non sae das siglas do BNG e, polo tanto, é imposible relacionarse con outras administracións”.
O Grupo Municipal Popular preguntou durante a sesión plenaria polas xestións realizadas polo goberno local en Fitur. “A resposta foi: moito traballo. E cando lle preguntamos se poderían concretar dixeron: non. Farían moitas fotos, pero traballo de promoción turística do noso pobo vimos pouco”, indica o popular.
En relación ao fomento da actividade industrial no municipio, os populares preguntaron tamén en pleno polas xestións do goberno do BNG con SEPES para rebaixar o prezo do solo das parcelas do polígono. “A resposta foi botarlle a culpa aos demais gobernos; pero o goberno local ten unha culpa moi grande: a subida de impostos que impuxo ás poucas empresas que hai no polígono; a pesar de que lle temos advertido de que se debería aplicar unha rebaixa fiscal, unha rebaixa dos impostos, pero non nos escoitan”.
Elena Sierra e Begoña Sanjurjo preguntaron sobre as xestións de cara á eliminación dos vertedoiros incontrolados que hai no municipio “e o concelleiro de Medio Ambiente dixo que estaban actuando. Pero debe ser noutros sitios porque os vertedoiros continúan aumentando ao largo e ancho do concello”, explica Vega.
Sierra tamén preguntou que pasa coa maquinaria municipal porque “a que non aparcada nun taller, está tirada no almacén do Concello e iso non nos parece moi razoable”.
Sanjurjo preguntou tamén que pensa facer o goberno local en relación ao Entroido. “A resposta foi que non había comisión e que eles non o podían organizar”, lamentan dende o Grupo Municipal Popular.
O voceiro popular condena que “este goberno nunca actúe” e que “sempre se escuse dicindo que a culpa é dos demais, nunca do goberno do BNG. É totalmente irresponsable que este goberno estea totalmente ausente, non teña planificación seria e non se vexa ningún tipo de traballo”, conclúe.