Santiago de Compostela, 26 de Xaneiro 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, levou o colapso da atención primaria á sesión de control e deixou claro que non é froito da casualidade senón o resultado da “folla de ruta ideolóxica” de Feixóo: “recortar e privatizar a sanidade pública en beneficio da privada”, que aplica desde a súa chegada ao Goberno da Xunta.
“Vou ler unhas declaracións e dígame se lle resultan familiares”, interpelou a líder do BNG ao xefe do Executivo: “A xestión da sanidade adoece dunhas rixideces propias dunha oficina administrativa polo que, o que non sexa núcleo duro do sistema, se pode experimentar con instrumentos de xestión privada. Lembra esta declaración? Porque é súa, 21 de maio de 2012, almorzo informativo en Madrid tras o que deixa este titular: Feixóo abre a porta a privatizar no que non sexa o núcleo duro do sistema e propón experimentar coa presenza do sector privado no resto do sistema sanitario”.
E “vaia se experimentou, experimentos que está pagando a cidadanía coa súa saúde”, denunciou Pontón, quen tirou de hemeroteca para evidenciar que os problemas de falta de medios, precariedade e listas de espera, pasando pola saturación das urxencias e o colapso da atención primaria viñan de moito antes da pandemia, e son a consecuencia de dez anos de recortes e privatizacións.
“Vostede é Feixóo o privatizador da sanidade pública e un risco para a saúde dos galegos e das galegas”, subliñou ante un presidente da Xunta empeñado en presumir de datos. “Vaia co seu novo coche oficial a un centro de saúde a dicirlle tanto ós profesionais como ós doentes que a sanidade pública, que a atención primaria está mellor que nunca, vaia ante as persoa que teñen que esperar até dúas semanas para ter consulta presencial coa súa médica de cabeceira a dicirlles que a situación está mellor que nunca”.
A líder nacionalista puxo o foco na precariedade laboral que vive o persoal sanitario. “Fáltalle ao respecto os e as profesionais da sanidade cando por exemplo a unha enfermeira do Hospital de Ourense lle fan asinar 34 contratos en dous meses, con 28 contratos dun día de duración; fáltalle ao respecto o persoal sanitario e á cidadanía cando ten os centros de saúde con menos profesionais dos que necesitan ou cando destina a atención primaria un orzamento que é menos da metade do que recomenda a OMS”, argumentou.
Pontón fixou citou as denuncias máis recentes dos profesionais da sanidade como o mellor resumo da dramática situación dos centros de saúde: “A atención primaria está desbordada e estánsenos escapando outras doenzas”, noutras palabras, denúnciase que hai persoas que non están sendo diagnosticados co que iso implica de deterioro para a súa saúde, alertou.
“Sóbralle soberbia e fáltanlle solucións señor Feixóo”, recriminou Pontón, “e antes de saír pola porta do Parlamento hoxe debería anunciar un plan de reforzo da atención primaria, debería anunciar que recupera as xerencias en atención primaria e debería anunciar que vai tomar medidas contra a precariedade do persoal sanitario. Pero non vai facer nada disto, porque é vostede Feixóo o privatizador da sanidade pública”, concluíu.