Lugo, 22de xaneirode 2022. Os senadores lucenses -José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano- preguntarán ao Goberno na Cámara Alta polos prazos de execución e as cantidades orzamentarias coas que conta para “priorizar” a A-74. Esta reivindicación súmase á realizada hai días polo PP da Mariña logo de que o ministerio anunciase nos medios de comunicación a intención de darlle certo impulso a esta infraestrutura.
Os senadores deciden elevar este asunto ao Senado porque “non nos fiamos dos anuncios do Goberno”, pois esta autovía quedou paralizada ao entrar o PSOE na Moncloa. Precisamente, esta circunstancia, lembra José Manuel Barreiro, foi a que levou aos responsables do PP no Congreso e no Senado a demandar ano tras ano que o Goberno incluíse esta infraestrutura nos Orzamentos do Estado co obxectivo de dar continuidade ao traballo iniciado polo equipo de Mariano Rajoy.
Sen ir máis lonxe, nas contas presentadas para este ano, o importe asignado a esta autovía foi insignificante, ao igual que en anos anteriores. Así, Pedro Sánchez e os seus socios tumbaron as emendas presentadas polos deputados e senadores lucenses que incluían partidas concretas para impulsar esta infraestrutura que vertebraría esta comarca co noroeste peninsular e co resto de Galicia. Para 2021, de forma nominativa, para os treitos San Cibrao-Burela, os populares propuxeron 2.599.000 euros; para o de Foz-Burela 2.859.000 euros; para o de Foz-O Carme 700.000 euros; e, para o treito O Carme-Barreiros, outros 700.000. Para 2022, as cantidades propostas para os mesmos treitos foron: 2,7 millóns, 2,9 millóns, 728.000 euros e 728.000 euros, respectivamente.
Por todo elo, agardan que o senador mariñao do Partido Socialista apoie a demanda dos populares, xa que “facer o contrario, subliña Barreiro, tería moi difícil explicación”.