Lugo, 21 de xaneiro de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, traslada o seu apoio e solidariedade á empresa e aos traballadores de Distribuciones Carreiras de Cervo logo do incendio que calcinou onte as súas instalacións. Así llo comunicou persoalmente por teléfono o mandatario provincial ao xerente da empresa, Ángel Carreiras. O Presidente contactou tamén co Alcalde cervense, Alfonso Villares, para interesarse polo ocorrido e trasladarlle o respaldo da institución provincial, no desexo de que a firma poida retomar a actividade normal o máis pronto posible. Neste sentido, José Tomé mantivo conversas con algún alcalde da zona para facilitar que a empresa poida recuperar a súa actividade canto antes.
O Presidente estivo pendente en todo momento da evolución do lume e dos traballos de extinción desde Madrid, a onde viaxou para presentar en FITUR a nova campaña de promoción turística da provincia.
José Tomé puxo en valor o labor dos 16 efectivos dos parques comarcais de bombeiros de Viveiro e Barreiros que participaron no operativo. Declarado a primeira hora da tarde, o lume quedou controlado pouco antes das 18.00 horas, aínda que os bombeiros do Consorcio continuaron traballando na zona ata a 1 da madrugada. O poliuretano do peche da nave e as bebidas almacenadas no interior complicaron os labores de extinción, segundo o operativo que fixo fronte ao lume.