Burela, 15 de xaneiro de 2022. O PP de Burela mantén o seu decidido compromiso de traballar para buscar unha solución satisfactoria para os veciños afectados polo embargo efectuado pola Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (SAREB), no edificio da esquina das rúas Igrexa e Mar Cantábrico. O portavoz municipal dos populares, Manuel Rouco, adianta as medidas que promove en apoio dos veciños afectados.
Rouco sinala: “O PP de Burela, na súa labor de escoita continua, vén de reunirse este venres cunha representación dos veciños afectados polo embargo efectuado pola SAREB no edificio situado na intersección das rúas da Igrexa e Mar Cantábrico. Nesta reunión trasladóusenos a presión abafante que está a levar a cabo o que é coñecido popularmente como banco malo, para que as familias afectadas abandonen os seus fogares. Parece ser que dúas das 16 familias afectadas xa decidiron marchar”. Lembra “que o SAREB está participado nun 45% polo Goberno do Estado, sendo deste xeito o accionista maioritario, polo que ten a chave á hora de tomar decisións con respecto ao futuro dos veciños afectados”.
Rouco explica que, como voceiro municipal do grupo popular, trasladou “o noso máis firme apoio a todos estes veciños, que se atopan nunha situación tan delicada e a nosa vontade de poñer á súa disposición todos os medios dos que podemos botar man para tratar de axudar neste asunto”.
Foron dous os compromisos aos que chegaron. “O primeiro, facer que o caso dos veciños de Burela teña voz no Parlamento de Galicia, e así o trasladamos con urxencia ao grupo parlamentario popular, para expoñer o caso e defender os intereses de todas estas familias na Cámara á máxima brevidade”, di o portavoz popular. Engade: “En segundo lugar, imos mediar para tratar de conseguir unha reunión co máximo responsable do Instituto Galego e Vivenda e Solo e que así poidan expoñer as súas inquedanzas directamente”.
Os populares tratan de axudar, dentro das súas posibilidades, “para intentar atopar unha saída neste asunto tan desagradable”.
Rouco expón “o noso firme compromiso de non dar as costas a ningún veciño ou veciña de Burela, porque cremos que este debe ser sempre o labor que debe de exercer un alcalde e o grupo de goberno dunha vila como Burela; lamentablemente, segundo se nos informou, este non foi o caso”.