Viveiro, 13 de xaneiro de 2022. O Concello de Viveiro, a través da sua concellería de Cultura, anuncia que está a preparar unha programación especial con motivo do 120º aniversario, o pasado 5 de xaneiro, do nacemento da artista viveirense Maruja Mallo.
O obxectivo do Concello de Viveiro é vincular a figura desta artista cos actos programados para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.
A relevancia de Maruja Mallo recae non só na sua importante obra como pintora vangardista, senón tamén no seu papel abanderando o movemento das “Sin Sombrero”. Dito movemento, buscaba a visibilidade das mulleres vinculadas ás artes e ás letras que quedaron excluídas dos círculos masculinos.
Deste modo, co gallo do 120º aniversario do seu nacemento, o Concello de Viveiro programará nos próximos meses diferentes actividades, coas que vincular a Maruja Mallo coa celebración do 8 de marzo. “Mallo foi un icono do feminismo e das mulleres artistas, vivindo nun momento no que a arte e a cultura estaban monopilizadas polos homes”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.
“Por iso, queremos aproveitar para visibilizar unha lacra, como a falta de visibilidade das mulleres na Cultura, que por desgraza seguimos padecendo na actualidade”, engade.
O Concello de Viveiro está a ultimar o programa destes actos, que terán como eixo central a Maruja Mallo e que se celebrarán nos próximos meses.