Ribadeo, 12 de xaneiro 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, agarda que o Concello presente hoxe na reunión convocada pola Consellería de Sanidade os terreos para a construción do novo centro de saúde. Deste xeito, considera que os representantes da entidade local deben ir a esta xuntanza cun plantexamento claro, como xa fixo en días pasados o Grupo Municipal que dirixe, apuntando que a parcela onde está antiga a estación do tren podería ser un emprazamento axeitado.
Neste senso, Vega agarda que a postura do Concello sexa “sensata” e lembra que a proposta do seu Grupo reúne todas as características para albergar o centro, xa que se atopa nun lugar céntrico e próximo a autovía, polo que, en caso de urxencias, o traslado ao Hospital sería máis rápido e eficaz.
E é, ademais, o PXOM recolle unha rúa que vai dende a autovía á propia estación de tren. Polo tanto, conta cunha boa conexión coa A-8 que permitirá ás ambulancias, unha vez incorporado o 061 no mesmo espazo que o novo centro de saúde, chegar rapidamente ao Hospital da Mariña.
Vega explica tamén que se trata dunha proposta para rehabilitar e conservar o patrimonio. “A edificación da antiga estación de tren pode ser parte do novo centro de saúde de forma que se conserve e se dirixa a un fin moi concreto. Un edificio de todos destinado a algo que nos interesa a todos, a sanidade pública”, remarca.
Por este motivo, o Grupo Municipal Popular pediu no pasado pleno, a través dunha moción, que o goberno local do BNG cedese á Xunta os terreos necesarios para a construción deste novo centro de saúde; pero votou que non.
A Corporación non asiste por decisión do goberno
A este encontro estaba convocada toda a Corporación municipal, pero o goberno do BNG decidiu de xeito unilateral que só participasen os membros do executivo. “Tamén nos terán que explicar os motivos, pero iso xa o abordaremos noutro momento. O que nos preocupa e ocupa hoxe é que o novo centro de saúde sexa unha realidade máis pronto que tarde e para iso o Concello debe hoxe dicirlle á Xunta de Galicia que terreos pon á súa disposición para a súa construción”, conclúe.