Lugo, 7 de xaneiro de 2022. A Deputación de Lugo inviste máis 5M€ na Mariña a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022. As bases xa foron aprobadas no Pleno de decembro e neste mes de xaneiro abrirase o prazo para que cada entidade local poida solicitar os investimentos e accións a financiar con estes fondos provinciais.
Os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove percibirán este recursos económicos para manter e mellorar servizos públicos e infraestruturas, fomentar o emprego e impulsar o tecido produtivo e asociativo, entre outras actuacións encamiñadas a atender as necesidades dos seus veciños e veciñas.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, destaca que dende o inicio do mandato “incrementamos dotación económica do Plan Único”, a ferramenta “máis importante que ten a Deputación para a colaboración cos concellos” e, ademais, “cada ano melloramos as condicións para lles que sexa máis útil”. Neste sentido, como novidade, neste 2022 o Goberno decidiu simplificar a tramitación, de forma que os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando prazos intermedios.
Por segundo ano consecutivo, o Goberno provincial sacou adiante o Plan Único no exercicio anterior ao seu período de vixencia, o que tamén beneficia aos concellos, xa que lles permite planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, e desta forma aproveitar mellor os fondos.
A Deputación de Lugo aplica criterios que son públicos e obxectivos para a distribución dos fondos, como a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento. Ademais, fixa un máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes e de 200.000€ para os concellos que teñen menos.
Distribución dos fondos por concellos da Mariña