NOTA DE PRENSA:
O Grupo Popular pretende modificar o texto elaborado pola Xunta para blindar a supervivencia e a independencia dos pósitos, de arraigada tradición nos portos galegos
O PPdeG FORMULA 85 EMENDAS PARCIAIS AO PROXECTO DE LEI DE PESCA PARA CORRIXIR UNHA NORMA COA QUE A XUNTA PRETENDE SUPRIMIR AS CONFRARÍAS DE PESCADORES
* Balseiro pide que a lei recolla expresamente a posibilidade de que os axentes de Inspección e Vixilancia costeira podan contar co apoio das restantes administracións, incluíndo as forzas e corpos de seguridade do Estado
* Pide manter en vigor todas as funcións atribuídas ata o de agora ao Servizo de Gardacostas de Galicia que o bipartito vai camiño de desmantelar
* Reclama “poñer a cero os contadores” para que a duración das concesións das bateas comece a contar canda a entrada en vigor da nova lei
Santiago, 5 de novembro de 2008.- O Grupo Popular de Galicia ven de formular un total de 85 emendas parciais coas que pretende corrixir, durante o trámite parlamentario en Comisión, as numerosas eivas que presenta o proxecto de lei de Pesca elaborado polo Goberno bipartito. José Manuel Balseiro, portavoz de Pesca do Grupo Popular, estima fundamental evitar que a Xunta consume, a través desta norma, a supresión das confrarías de pescadores ou acabe desmantelando servizos como o de vixilancia e inspección pesqueira ou o de Gardacostas de Galicia.
Por iso, o PPdeG pretende que PSOE e BNG accedan a incluír, no preámbulo da lei, unha referencia expresa á fonda tradición histórica e ao enraizamento das confrarías de pescadores nos diferentes portos galegos. “Falar co mar en Galicia, da súa pesca tradicional ou do sector da baixura carece de sentido sen facer referencia a estas organizacións que aglutinan con coherencia aos principais axentes do sector e representan eficazmente os intereses económicos e corporativos dos profesionais que as integran”, subliña Balseiro Orol.
GARANTIR A PERVIVENCIA DAS CONFRARÍAS
Por iso, os populares galegos estiman que un texto normativo como a nova lei de Pesca non pode desprezar o papel das confrarías de pescadores, ao tempo que debería garantir a plena independencia dos pósitos e recoñecer a súa función como instrumentos esenciais nas tarefas de consulta e de colaboración coa Administración
autonómica.
Neste sentido, as emendas formuladas polo PPdeG ofrecen mecanismos para fortalecer o funcionamento das confrarías de pescadores, garantirlles a necesaria estabilidade económica, fomentar a participación democrática no procesos de toma de decisións, e asegurar a independencia e capacidade de autoxestión dos pósitos.
De feito, o PPdeG considera que tanto as confrarías de pescadores –agrupadas en federacións provinciais e na autonómica- como o máximo órgano consultivo do sector, o Consello Galego de Pesca, deben continuar articulando a participación dos profesionais do mar e a súa relación cos poderes públicos.
A modo de exemplo, o Grupo Popular propón modificar o artigo da lei que regula as funcións das confrarías de pescadores, de xeito que se explicite que aos pósitos lles corresponde actuar como órgano de consulta e colaboración coa consellería competente; prestar servizos aos seus membros e representar os seus intereses; administrar os recursos propios do seu patrimonio e as axudas que lles sexan concedidas; e actuar como oficinas de rexistro público.
Para evitar intromisións externas, o PPdeG tamén considera necesario modificar a redacción actual do proxecto de lei para determinar que a disolución das confrarías deberá ser acordada polo voto favorable das tres cuartas partes dos seus socios.
No ámbito do marisqueo, a lei promovida polo bipartito sinala que as autorizacións das que ata o de agora son titulares as confrarías se transforman en concesións que se ofertarán en concurso público. Sen embargo, o proxecto de lei non concreta qué criterios se terán en conta para outorgar esas concesións. Os grandes prexudicados por esta reforma normativa serán os mariscadores a pé que, co cambio de autorización a concesión, só poderán traballar nas zonas de libre marisqueo unha vez entre en vigor a nova lei.
RECUPERAR AS PATRULLAS CONXUNTAS E OS GARDACOSTAS
Simultaneamente, as emendas presentadas polo PPdeG buscan poñer fin ao deterioro que afecta actualmente aos servizos de inspección e vixilancia pesqueira, que está inmerso nunha espiral de deterioro continuo desde a chagada do Goberno bipartito.
A tal efecto, os populares galegos consideran preciso que a futura lei de Pesca recolla expresamente a posibilidade de que os integrantes do servizo de inspección e vixilancia pesqueira podan solicitar, no exercicio das súas funcións, o apoio das restantes administracións, incluíndo as forzas e corpos de seguridade do Estado ou da policías locais. Como primeiro paso, a emenda do PPdeG propón volver formalizar un acordo entre a Consellería de Pesca e a Policía Autonómica para recuperar as patrullas conxuntas, suprimidas polo bipartito, a pesar dos excelentes resultados obtidos con esta experiencia durante as anteriores lexislaturas.
De igual xeito, o PPdeG rexistrou outra emenda para manter en vigor todas as funcións atribuídas ata o de agora ao Servizo de Gardacostas de Galicia que o bipartito vai camiño de desmantelar, xa que mantén amarradas a porto o 90%, desde o ano 2006, ao 90% das embarcacións.
BATEAS
Nas súas emendas, o PPdeG tamén propón “poñer a cero os contadores” no relacionado coa duración das concesións sobre as bateas, de xeito que a duración desas concesións comece a contarse a partir da data de entrada en vigor da nova lei.
Para o PPdeG, o proxecto de lei de Pesca do Goberno bipartito resulta excesivamente regulamentarista e non concreta como se vai desenvolver o seu contido. Así as cousas, máis ca unha lei, semella unha declaración de boas intencións que crea inseguridade xurídica: non deixa claras as regras de xogo, pero tampouco resolve os problemas do sector pesqueiro galego.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DO GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR DE GALICIA