Ribadeo, 21 de decembro de 2021. Nas zonas verdes do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, realizouse unha actividade de corta e poda de árbores coa colaboración do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias, que está situado na parroquia ribadense de Vilaframil e conta cun ciclo medio dual de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, e da empresa Agroforestal Rouco, de O Valadouro.
O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, explicou que “nas zonas verdes do centro tíñamos varias árbores que levaban uns anos sen podar e sen os coidados que precisaban e outras que afectaban a determinadas estruturas cando había algo de temporal porque estaban moi altas e podían supoñer un risco para as xanelas e para determinadas estruturas do centro. Entón, aproveitando que temos aquí ao lado a escola Pedro Murias cun ciclo formativo relacionado co sector forestal, comentámoslles se lles encaixaba dentro da programación dos seus módulos formativos facer determinadas prácticas de corta e de poda desas árbores; e efectivamente accederon a facelo e veu parte do profesorado e do alumnado a realizar estas podas e cortas. E posteriormente eses restos que quedaron das árbores tíñamos que desfacernos deles; e dixéronnos que sería interesante poder contar cunha astilladora e trituradora, para o cal contactamos con Agroforestal Rouco, que xa tiña participado noutras colaboracións con nós e brindáronse a traer unha máquina dese tipo, coa que fixemos unhas prácticas de astillado e triturado dos restos desas podas e cortas das árbores”.
Isidro Berdeal considera que “foi unha actividade interesante, tanto para o alumnado, que puido traballar con máquinas de última xeración e quedaron sorprendidos do seu funcionamento, como para os propios centros, que fixemos unha colaboración da que nos beneficiamos ambas comunidades educativas: nós fixemos un traballo para o que teríamos que contar con servizos externos e o centro Pedro Murias puido facer unhas prácticas nun entorno real colaborando deste xeito con nós”.