Ribadeo, 19 de decembro 2021. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, quixo trasladar de primeira man aos profesionais sanitarios os servizos que a Xunta proxecta implantar no municipio coa construción do novo centro de saúde.
O popular explica que “acudín ao centro de saúde co ánimo de explicar os espazos que a Xunta pretende habilitar coa construción de novas instalacións e tamén os servizos que se van incrementar co novo centro de saúde”.
O proxecto incluído no Plan de Infraestruturas de atención primaria aprobado pola Xunta de Galicia recolle novos servizos asistenciais que se incrementarán aos existentes no centro de saúde actual: dúas salas técnicas (para ecografías, espirometrías, dermatoloxía ou cirurxía menor), dúas salas para docencia; unha sala polivalente; área para o programa da muller; unha consulta de hixienista dental; un despacho de coordinación e unha sala de estar para o persoal.
Tamén se contempla dotar ao PAC dun dormitorio máis, outra sala de observación, un box de críticos, unha consulta máis de medicina; un vestiario máis e tamén outro almacén. As novas instalacións incluirían tamén espazo propio para o 061 con aparcamento cuberto para as ambulancias, unha sala de estar para o persoal e dous dormitorios para o persoal da ambulancia.
Vega indica que “o persoal sanitaria trasladounos o seu apoio de cara a construción do novo centro de saúde” e incluso “lles pareceu moi importante a incorporación do 061 no mesmo espazo”. É por iso polo que o voceiro do Grupo Municipal Popular insiste en que “o Concello debe ceder canto antes uns terreos céntricos na vila e tamén próximos á autovía para favorecer a rapidez no transporte das urxencias”.
“Esta nova dotación contribuiría a mellorar a atención e os servizos sanitarios en Ribadeo, algo que queremos todos os ribadenses. Pero, para iso, é necesario construír o novo centro de saúde”, incide.