A Mariña, 17 de decembro de 2021. O plenario da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa aprobou por unanimidade os orzamentos de 2022 na asemblea ordinaria do pasado mércores, 15 de decembro, que se celebrou no CENIMA de Foz.
En palabras do presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz, Fran Cajoto, “presentáronse unhas contas equilibradas, que inclúen no capítulo de ingresos unha achega comprometida pola Deputación de Lugo de corenta mil euros para o Plan de Sustentabilidade Turística, 143.608 euros aportados polos 16 concellos a razón de 2 euros por habitante –o dobre que no presente exercicio- e 550 euros doutros ingresos”.
Cajoto dixo que “con este orzamento damos cumprimento, aparte doutros gastos correntes, á inversión que debemos aportar ao Plan de Sustentabilidade no vindeiro exercicio. Constitúe unha verdadeira oportunidade: un plan dotado con 2,225 millóns de euros cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo -1 millón de euros-, Turismo de Galicia -1 millón de euros- e a Mancomunidade, que aporta 225.000 euros, contando tamén cunha achega da Deputación de 81.000 euros”.
O presidente da Mancomunidade subliñou que “durante o primeiro trimestre do vindeiro ano 2022 comezará a rodar, cun obxectivo claro: un turismo de mellor calidade, durante todo o ano, que constitúa unha fonte de emprego estable e duradeira”.
No plenario da Mancomunidade de Concellos da Mariña tratáronse outros temas de interese como a recollida da fracción orgánica de lixo, que se está a estudar facer de forma conxunta, así como a posibilidade de acollemento a unha liña de subvención ao respecto cofinanciada polos fondos Next Generation da Unión Europea e publicada no DOG pola Consellería de Medio Ambiente.