Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021. O PP vetou a iniciativa socialista para instar ao goberno galego a reforzar e ampliar a Rede de Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro en Galicia. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Pesca do Parlamento, onde votou en contra dunha proposición sobre esta cuestión defendida pola portavoz de Pesca do PSdeG, Patricia Otero.
“O medio mariño é o máis exposto a danos medioambientais irreversibles”, alertou a voceira socialista, por iso, subliñou, “son necesarias medidas, como está a reclamar o sector, para garantir o bo estado das augas e así protexer os recursos pesqueiros e o ecosistema”, de xeito que se minimicen as “afeccións” das diferentes actividades humanas sobre caladoiros e zonas de pesca, con especial atención ás pesqueiras tradicionais.
Así, o “necesario” reforzo e ampliación da rede de reservas mariñas pode actuar, subliñou Otero, como “motor de conservación e rexeneración do recurso pesqueiro e apoio á pesca artesanal, ao tempo que se acadaría o rendemento máximo sostible sobre as poboacións de especies comerciais”.
“Feijóo e a conselleira Rosa Quitana nada fixeron para ampliar as reservas mariñas de interese pesqueiro para Galicia” en 12 anos de goberno, censurou Otero.
Ao fío disto, a voceira socialista pediu ao goberno galego que realice esta cuestión “en consenso e diálogo” co sector do mar, e “pensando na protección das reservas a medio e longo prazo”, xa que serviría “para mellorar o stock de determinadas especies”.
Con todo, Otero sinalou que “agora chegan menos substratos ao mar, pero máis fertilizantes”, polo que “o maior problema do noso litoral é a eutrofización como principal ameaza para o ecosistema na zona costeira, non sendo a pesca a culpable da situación na que se atopan os recursos”.
Por último, a responsable socailista lembrou que a principios deste ano se celebrou unha reunión das dez comunidades e cidades autónomas con competencia na xestión da Rede Natura 2000 Mariña na que o goberno de España “reafirmou o seu compromiso de acadar o 30% das áreas mariñas protexidas para 2030” dentro do proxecto Life Intermares.
“É imprescindible para iso a coordinación interadministrativa e a implicación nas actuacións conxuntas de conservación mariña”, concluíu.