Viveiro, 16 de decembro, 2021. Desde a asemblea local do BNG de Viveiro, exixímoslle ao Goberno Municipal de María Loureiro respectar ás representantes das veciñas e ás institución públicas, e que se non están á altura das circunstancias nin acostumadas a ter oposición, o problema non é do BNG.
Nas últimas sesións plenarias déronse numerosas faltas de respecto que non imos consentir. As sesións plenarias e administracións públicas non son circos onde xesticular, berrar, rirse a gargalladas, molestar as ponentes ou incluso, levantarse e dar paseos histéricamente ao redor das mesas da corporación mentres se lle falta o respecto á nosa concelleira.
Todas estas faltas de respecto e de saber estar, proceden sempre da mesma formación política, o PSOE de Viveiro, polo que lles rogamos unha inmediata madurez democrática nas sesións plenarias e a todo o que rodea a institución pública. Desde a formación nacionalista queremos deixar claro que non nos calarán como fixeron co resto da oposición, nin con ameazas nin tentando silenciarnos na prensa.
Á falta de respecto tamén se suma falta de información municipal de relevancia á que ten dereito de ser coñecedora toda a veciñanza. Non son poucas as ocasións nas que a fronte socialista, supostamente de esquerda, nega información de carácter municipal ao BNG, que como membros da corporación municipal existe o dereito a ter toda información que se solicita. E que do mesmo xeito, tampouco son contestadas as numerosas demandas e reclamacións que fai a veciñanza a través do Rexistro Municipal.