Viveiro, 15 de decembro de 2021. Na política local as diferencias ideolóxicas teñen, ou polo menos deben ter, escaso peso na toma da maior parte das decisións que afectan directamente aos veciños. No caso da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e dos membros do seu equipo, non é así. Pouco importa que as propostas que fai o PP sexan do maior interese para os veciños, que é case seguro que, por proceder do Partido Popular, serán rexeitadas. De novo ocorreu na sesión plenaria celebrada o martes pola corporación municipal, na que, con argumentos carentes de todo sentido, foron rexeitadas as propostas populares para amañar a Rúa Granxas, en Covas, que se atopa en estado lamentable, e para aprobar a adhesión ao distintivo Concello Emprendedor.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, explica que o seu grupo presentou, como xa anunciou no seu momento, un rogo para que o Concello repare o pavimento da rúa Granxas. O goberno local, sinaladamente a alcaldesa, anunciou que non se levará a cabo dita obra, polo menos a curto prazo. Rodríguez di: “O máis curioso, por non dicir o máis disparatado do argumento da alcaldesa, foi que, segundo dixo, esa rúa está así dende que gobernaba o PP; é dicir, recoñece que o Concello non fixo nada por mellorar esa céntrica rúa dende hai case 20 anos”. Esta vía ten un pavimento moi deteriorado, de tal maneira que cando chove se forman bolsas de auga que, ao paso dos coches, salpican aos peóns. Algunha das fochancas máis grandes foi cuberta recentemente, pero de maneira tan chapuceira que ocasiona más problemas que a propia fochanca. Rodríguez di: “É inaudito que traten de responsabilizar ao PP do estado dunha rúa, cando o PSOE leva gobernando en Viveiro dende o ano 2003, hai case vinte anos. A falta de vontade política e de capacidade de xestión do goberno presidido por María Loureiro quedou de novo patente coa súa postura neste asunto”.
De interese para o conxunto dos veciños de Viveiro sería que o Concello se adherise ao distintivo Concello Emprendedor. Pois tampouco prosperou esta iniciativa do PP, porque a alcaldesa, parece que por emulación do seu admirado alcalde de Vigo, decidiu que non era procedente que o Concello participara nesa iniciativa. Concellos emprendedores son os que optan pola captación de investimentos, nas axudas destinadas ao fomento do emprego, da industria, ao comercio e ao emprendemento. Para iso, como explicou a concelleira popular Teresa Pérez Rodríguez, teñen que implantar medidas que os fagan atractivos para a consolidación de empresas como: incentivos fiscais, facilidade para acceder ao chan empresarial e unha tramitación administrativa máis sinxela.