Barreiros, 14 de decembro de 2021. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de dirixir unha misiva ao conselleiro de sanidade, ao xerente do Sergas e ao xerente da EOXI de Lugo, Monforte e Cervo solicitándolles a cobertura do persoal necesario no Centro de Saúde barreirense; tras ter coñecemento de que sofre unha mingua de persoal de atención primaria para atender á poboación do concello, motivo polo que o persoal facultativo de familia ten dificultades á hora de prestar os seus servizos ou disfrutar dos permisos. A maiores, e debido a un traslado da persoa que viña prestando a atención pediátrica, esta tamén se viu minorada, ao non estar cuberta dita praza de xeito estable, prestándose atención en días soltos e recaendo estas funcións en numerosas ocasións no persoal médico de familia.
Neste sentido, a mandataria municipal expón que “tanto a pirámide poboacional de Barreiros –cunha poboación notablemente envellecida- como a época na que nos atopamos – na que os cadros de enfermidades respiratorias son habituais -especialmente en crianzas-, e máis na situación sanitaria actual, supoñen unha importante carga de pacientes que teñen como porta de entrada ao sistema sanitario o centro de saúde primaria”.
Para Ana Ermida “é obvio que non contar con persoal suficiente para a atención deixa á poboación cun déficit que deteriora tanto a atención que se recibe como o propio sistema sanitario público; xa que debido a esta situación, as citas vense retrasadas e, nalgúns casos, pasan a demandar asistencia privada, co que iso supón para as familias que deben facer un esforzo por non contar coa atención oportuna na sanidade pública. Ademais de que as condicións nas que os profesionais teñen que prestar os seus servizos, cunha sobrecarga de traballo e dificultades nos períodos que lles corresponden nos descansos non benefician o servizo público”.
Ademais, fai especial fincapé na atención de nenas e nenos que deben ter atención pediátrica, xa que “é especialmente importante o retraso que se poida producir non só nas citas por patoloxías, senón tamén nos propios controis de idade, especialmente en recén nados, pola importancia do seguimento en escasos días que debe realizarse. Pero, a maiores, debemos ter en conta que esta situación afecta tamén ás consultas eventuais por enfermidades comúns que poidan ter lugar; interferindo moi negativamente noutros servizos e lugares que, xa de por si, carecen dunha atención pediátrica axeitada; tal como poden ser o PAC de Ribadeo ou o propio servizo do Hospital da Mariña; onde non existe, de inicio, persoal pediátrico dispoñible.”
Por esta razón, remata a carta solicitando “a dotación do persoal mínimo para unha correcta atención das veciñas e veciños polo correspondente persoal médico de atención primaria e especialista en pediatría de xeito estable para garantir os dereitos sanitarios dos mesmos e a calidade da atención sanitaria en Barreiros.”