Lugo, 27 de novembro de 2021. A Deputación de Lugo organizou este sábado unha visita á Serra do Xistral para dar a coñecer os avances do programa de conservación e aproveitamento da riqueza ambiental Life in Common Land que impulsa a institución neste territorio con fondos europeos. Un total de 41 representantes de grupos conservacionistas e comunidades de montes percorreron boa parte do territorio que forma parte do proxecto.
No Viveiró, o punto de partida da visita, o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, deu a benvida ao grupo e puxo en valor esta iniciativa que se desenvolve nunha Zona de Especial Conservación (ZEC) situada dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e que é rica en turbeiras e brezais húmidos.
O grupo detívose na mancomunidade de montes de Montouto (Abadín) para unha explicación xeneral do proxecto coas súas distintas fases e subiu camiñando á Balsa (Muras) pola Cruz de Pedra. Os técnicos explicaron en detalle a restauración dunha turbeira de cobertor mediante a eliminación de piñeiral con corta manual, arrastre e reunión con tracción animal e saca con zorra e cable dende pista. Finalmente, na zona de Tenente e Xistral (Muras) a comitiva coñeceu algunhas das accións demostrativas de mellora que se están a desenvolver neste monte.
LIFE in Common Land é un proxecto que xurde co propósito de mellorar e traballar nas
ameazas que afectan aos hábitats do Xistral, como son as alteracións na composición do paisaxe, a degradación dos hábitats pola actividade humana ou o cambio climático.
A Deputación de Lugo, que lidera este programa que conta con fondos europeos e no que colaboran as universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UDC), trata de conservar e xestionar os hábitats que forman parte da Serra do Xistral e construír espazos de colaboración orientados ao desenvolvemento medioambiental e socioeconómico da zona montañosa norte da provincia.