FOZ .- Presentouse en Foz a XI edición do Festival Aires do Masma, que se celebrará en Foz o vindeiro 17 de xullo, coincidindo coas festas mariñeiras en honor á virxe do Carme. Ao acto acudiu o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga.
Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA ASISTIU Á PRESENTACIÓN DA XI EDICIÓN DO FESTIVAL AIRES DO MASMA EN FOZ
O festival vense celebrando dende o 2000, e este ano contará coa presenza dos coros e danzas do Real Grupo Cultural Covadonga de Xixón e a Asociación Música e Folclore de Magallón, de Zaragoza
FOZ, 2 de xullo de 2010. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta mañá á presentación da XI edición do Festival Aires do Masma, que se celebrará en Foz o vindeiro 17 de xullo, coincidindo coas festas mariñeiras en honor á virxe do Carme. Este ano, o grupo de Coros e Danzas do Real Grupo Cultural Covadonga de Xixón e a Asociación Música e Folclore de Magallón de Zaragoza, acompañarán no evento á asociación Folclórico-Cultural a Subela de Foz, qque organiza o evento coa colaboración da asociación Mar de Foz e o concello. Na presentación do acto tamén estiveron presentes Xoán Moreda Pinto, presidente da asociación A Subela, Ana Campoamor, presidenta da comisión de festas, e o alcalde de Foz, José María García Rivera.
Na súa intervención, Antonio Veiga deu os parabéns á Subela por “organizar unha vez máis este acto, a pesar da dificultade e o traballo que entraña dita labor, e a pesar tamén da época na que estamos”. Lembrou a importancia que ten para a Deputación dar apoio e colaborar con actividades e eventos como o Festival Aires do Masma, xa que “a diferenza dalgunha outra institución, a Deputación non suprimiu ningunha das axudas a eventos culturais, porque a cultura non debe ser a que pague, e á que se lle reste prioridade en nome da austeridade”. Sinalou que “estes eventos, ademais de reforzar a identidade cultural, xeran un beneficio económico xa que atraen público aos lugares onde teñen lugar”.
O día 17 de xullo, sábado, os dous grupos convidados e o anfitrión realizarán, a partir das 20 horas, pasarrúas que rematarán na praza Conde de Fontao, lugar onde se celebrará o festival ás 22 horas. A asociación folclórico-cultural A Subela conta a día de hoxe co grupo de baile tradicional galego, formado por unhas 40 persoas, o grupo de 8 gaitas e o grupo de 8 pandereiteiras, que interpretan antigas coplas galegas. O repertorio do grupo inclúe muiñeiras, xotas, pasodobres e fandangos bailados nas diferentes zonas de Galicia, cantos tradicionais populares e antiquísimos alalás. O obxectivo primordial da asociación é manter viva a tradición folclórica galega mediante a organización de cursos de baile e canto, a promoción de festivais folclóricos para á recuperación de músicas, cantos e bailes xa esquecidos, e a difusión da cultura galega. Ademais do festival Aires do Masma, a asociación cultural A Subela promove outro tipo de actividades como intercambios con grupos folclóricos doutros lugares, e a celebración da Queimada Popular do mes de agosto, onde representan cada ano diferentes lendas galegas relacionadas coa tradición oral, o baile e a música da terra.