Santiago de Compostela, 24 de novembro 2021. O deputado mariñán do BNG Daniel Castro acusou ao PP no Parlamento galego de alcanzar a “apoteótica hipocrisía na mesma mañá de hoxe”, ao votar en contra da intervención temporal de Alcoa que defendeu a fronte nacionalista no Congreso.
“Falábase hoxe aquí do ‘jetómetro’; vostedes hoxe romperon todos os niveis”, reprochou nunha pregunta parlamentaria sobre a negativa do Goberno galego a desenvolver un plan de industrialización para A Mariña, para a continuación recalcar que esa é a grande diferenza entre o PP de Núñez Feixóo, co seu Galiza, Galiza, Galiza e o BNG: “que nós sempre imos votar o mesmo, sexa en Cervo, sexa en Lugo, sexa en Santiago ou na Cochinchina e vostedes ven condicionado o seu voto polo que lles din dende Génova ou polo que lles din dende esas misas filofascistas ás que tanto acoden”.
Ante a nova negativa do PP na Cámara a desenvolver un plan de industrialización na comarca e as evasivas do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, botando unha vez máis balóns fóra e tentando trasladar a responsabilidade ao BNG, Castro fixo o que denominou como “un pouco de hemeroteca”: “quen privatizou a factoría no 1997 foi o PP, pero non é culpa del; quen vota en contra de formar parte desa intervención pública por parte da Xunta foi o PP, pero tampouco é culpa del; quen creou o marco enerxético en 1996 e que o reformou en 2013 dando aínda máis inestabilidade foi o PP, pero tampouco é culpa del”, replicou con severidade.
Castro continuou enumerando as múltiples ocasións que o PP tivo para facilitar solucións á crise da Mariña advertindo que “vostedes levan máis de tres décadas gobernando este país, pero tampouco ten nada que ver; estiveron anos e anos gobernando no Estado, pero tampouco ten nada que ver; os que votan unha e outra vez en contra dun plan industrial, pero tampouco ten nada que ver” e recordando ao vicepresidente segundo que foi o seu partido quen creou a reforma laboral “e igual axudaría algo que o ERE de Vestas fora ilegal para poder paralo, pero vese que tampouco ten nada que ver”.
O deputado nacionalista recordou na súa primeira intervención que hai xusto unha semana asistíamos a dous actos memorables, pero cunha grande diferenza entre ambos: “un era a mostra da dignidade do pobo, do fartazgo dunha comarca que non aguanta máis o incumprimento das promesas do goberno estatal e da Xunta; e outro, “Un Partido Popular que lle deu un novo nivel á palabra hipocrisía porque mentres negaba o dereito a folga a moitos cidadáns, acudía en masa a facer acto de presenza en Burela, aínda que tardou menos de 6 horas en pasar de apoiar aos e ás mariñáns a votar en contra do que os mesmos mariñáns levan reclamando desde hai máis de ano e medio”.
Segundo recalcou, nesta disxuntiva entre o digno e o indigno, atopámonos xa a 24 de novembro “cunha Xunta que segue de perfil, cunha Xunta que nada ten que ver cos problemas que afectan ao País que goberna e que segue sen darse conta de que o problema non é só Alcoa e Vestas, que o problema son os máis de 1.000 empregos en materia de industria que se perderon co goberno Feixóo”.
“Por que non levan adiante un Plan de Industrialización e Emprego para A Mariña? Porque prefiren que sigan gobernando as empresas e non vostedes?”, cuestionou con severidade para a continuación afear ao PP que sexa “a Galiza gris, a Galiza en pequeno, que di que o seu Goberno non pode facer nada” e concluír reafirmando o compromiso do BNG cunha “Galiza grande e con poder, na que o seu Goberno mande máis que calquera empresa, xa sexa en en Pittsburgh, en Dinamarca ou en calquera parte do mundo”.