Viveiro, 18 de novembro de 2021. O Concello Viveiro sumarase este sábado, 20 de novembro, á celebración do Día Mundial da Infancia. Como mostra do seu apoio, Viveiro adhírese á iniciativa de UNICEF Galicia de iluminar un lugar emblemático de cor azul. No caso de Viveiro, a porta de Carlos V permanecerá iluminada na noite do venres ao sábado.
O Concello de Viveiro realiza, a través da seu departamento de Benestar Social, un importante labor de protección e promoción da infancia. Entre estas iniciativas, enmárcase a reunión telemática entre a concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde, cos responsables de UNICEF o próximo 22 de novembro.
Esta reunión busca avanzar no proceso de converter Viveiro en “Cidade Amiga da Infancia”, un recoñecemento que avala o seu compromiso co cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, de acordo á Convención sobre os Dereitos do Neno.
Alén desta iniciativa, o Concello de Viveiro recorda que xa se realizaron dúas reunións do grupo de participación xuvenil. Dito grupo busca que sexan os propios rapaces os que trasladen á corporación municipal as súas opinións, necesidades e inquedanzas. A terceira reunión deste grupo realizarase o próximo 14 de decembro.