Burela, 17 de novembro de 2021. Unha ampla representación do PP da Mariña e da provincia de Lugo participou esta mañá na manifestación da folga xeral convocada baixo o lema ‘Futuro para A Mariña’. A presidenta provincial, Elena Candia, alcaldes e deputados entre outros membros do Partido estiveron acompañados polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e os deputados que forman parte da Comisión 6ª Industria, Enerxía, Comercio e Turismo no Parlamento galego.
A presidenta do PP provincial, Elena Candia, asegurou ao inicio da manifestación que “o Partido Popular da Mariña, de Lugo e de Galicia apoiamos coa nosa presenza aos veciños da Mariña e co noso traballo reivindicamos medidas que cambien o rumbo do que o Goberno do Estado está poñendo na axenda e que, indubidablemente, está a supoñer resultados moi negativos para a nosa industria”.
Candia demandou ao Goberno de Pedro Sánchez, no nome do PP lucense, que “tome decisións para garantir a continuidade da fabricación do aluminio primario na nosa comarca e garantir a continuidade da planta e dos postos de traballo”. Tamén sinalou que o Goberno socialista debe tomar decisións para “garantir a continuidade de Ence que afecta moito á nosa comarca. Nunca un Goberno de España intentou prexudicar tanto a unha comarca”.
“Coa nosa presenza pedimos que miren para esta comarca e que se comprometan a tomar decisións positivas que non ataquen dunha maneira tan prexudicial na comarca da Mariña”, remarcou.
Demetrio Salgueiro
O rexedor do municipio de Xove e coordinador do PP da Mariña, Demetrio Salgueiro, manifestou tamén o seu apoio á mobilización e a tódolos traballadores que están afectados pola situación que estamos vivindo solicitando, “unha vez máis, un futuro para A Mariña”.
O popular considera que “estamos vivindo a peor situación con respecto á Alcoa que leva dous anos pendente dun fío, dunha decisión do Goberno central que se comprometeu a través da SEPI a facer unha intervención da fábrica para vendela a un terceiro, unha promesa que está incumprindo. Dende aquí pedímoslle que adopte as medidas necesarias para solucionar este problema que garantiría o futuro da Mariña porque todos os demais problemas deixarían de existir porque a comarca se convertería nun gran solar, non quedaría outro remedio máis que a emigración para moitos dos nosos veciños”.
Salgueiro dirixiuse ao PSOE, que é o que goberna no Estado e o que ten as competencias, para pedirlle que “cumpra o seu compromiso” e tamén ao BNG para que presione a Pedro Sánchez para solucionar o problema, unha vez que “no seu momento aprobou facer presidente do Goberno a Pedro Sánchez a cambio de que se solucionara o problema de Alcoa; pero vemos que ese acordo se está incumprindo”. Lembra o popular que “o BNG goberna en moitos sitios en coalición co PSOE sendo corresponsable desta situación”.
Alfonso Villares
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicou que “Alcoa supón o 33% do PIB da provincia de Lugo e, polo tanto, non é só o motor económico; senón tamén o motor social desta comarca”. Advirte o rexedor que “se nos falta Alcoa, moitos dos servizos que agora temos poderiamos prescindir deles porque non habería xente nin os traballos que están dando tanta vida a tantas e tantas familias”.
Villares recordou que “o comité de empresa pediu fai xa máis de dous anos que se aprobara o estatuto das empresas electrointensivas e o Goberno central non o aprobou. O comité de empresa con todos os sindicatos pediron tamén a intervención da empresa por parte da SEPI dependente do Goberno central, pero tampouco o fixeron”. Polo tanto, “branco e en botella: a responsabilidade é do Goberno de Pedro Sánchez que fai oídos xordos a toda unha comarca, traballadores de Alcoa, familias da Mariña que, en definitiva, están involucradas neste día de hoxe”.