Viveiro, 16 de novembro de 2021. O Concello de Viveiro informa que o xurado do III Premio Vilar Ponte de Novela acordou declarar deserta a presente edición.
O Premio Vilar Ponte de Novela nace coa vontade de render homenaxe aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte, ademais de apoiar e difundir a literatura en lingua galega. O xurado desta terceira edición, que se constituíu na reunión celebrada o pasado sábado, 13 de novembro, está composto por tres persoas vinculadas ao ámbito literario, cultural e xuvenil e unha representante do Concello de Viveiro que actua como secretaria con voz e sen voto.
Os membros do xurado son Carlos Nuevo Cal (Cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador), Antía Yañez Rodríguez (Escritora), Lorena Mera Ramil (Técnica de Xuventude) e, actuando como secretaria, con voz e sen voto, Rosario San Isidro Franco.
Os membros do xurado acordaron como criterios de valoración para a selección da obra gañadora e da finalista a calidade literaria, a calidade lingüística, a puntuación, a boa narrativa, a temática, a xeneralidade do público ao que vai dirixida, a actualidade e frescura na obra e a cohesión nas partes da obra.
En base a estes criterios, o xurado acordou que “malia ter algunhas das obras presentadas un xérmolo temático bastante orixinal e actual, a súa execución final non acada a calidade necesaria. A escrita é un labor que conleva moito traballo de revisión e maduración e o xurado considera que esa foi unha das principais eivas das obras presentadas nesta edición, motivo polo que se procede a declarar deserta a terceira edición do Premio de Novela Vilar Ponte do Concello de Viveiro”.
O Concello de Viveiro agradece o traballo e a dedicación do xurado, emprazando aos escritores e escritoras a participar na vindeira edición deste premio literario que terá lugar en 2022, que será anunciada a principios de ano.