Ribadeo, 16 de novembro de 2021. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Santa Cilla este sábado, 20 de novembro, ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval. Nesta actuación a Banda tocará por primeira vez oito das nove pezas incluídas no programa e participarán tres solistas.
O director da formación, David Ballester Martínez, anunciou que “despois dun breve descanso, tras actuar nas festas patronais, a Banda Municipal de Música de Ribadeo retoma a súa actividade e, como non podía ser menos, faino co concerto de Santa Cilla, a patroa dos músicos. Este sábado, 20 de novembro, ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval terá lugar ese concerto e, como soemos facer en Santa Cilla, sempre nos gusta que algún dos nosos músicos pase pola experiencia de tocar de solista. Neste caso vamos ter tres: un pianista, que vai ser o alumno da Escola de Música e Danza de Ribadeo Andrés Manuel Bermúdez García, ademais da frautista Carmén Cortés Moreda e o trompetista Ángel Muíña López”.
David Ballester tamén destacou: “de todas pezas que imos ofrecer só unha delas foi tocada xa pola Banda e as 8 restantes interpretarémolas por primeira vez. O repertorio, como fixemos neste concerto nos últimos anos, será un pouco temático, nesta ocasión dedicado á música clásica; vamos interpretar pezas de Beethoven, de Puccini e de Stravinsky, que algunhas son de sinfonías, outras de óperas ou ballets, con arranxos para banda”.
Para rematar o director da Banda ribadense lembrou que “fai falta usar mascarilla e manter distancia social neste tipo de eventos, e a entrada será de balde ata completar o aforo”. E convidou “á toda a xente que o sábado estea por Ribadeo a que se achegue ao auditorio Hernán Naval”.