Vilalba, 16 de novembro de 2021. O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou hoxe en Vilalba a empresa cárnica Atilano Anllo, onde puxo en valor a aposta polos novos mercados que están a levar a cabo esta e outras pemes da provincia de Lugo, o que supón un “factor clave na mellora da súa competitividade”.
Neste sentido, tal e como apuntou Guldrís, nos oito primeiros meses do ano as vendas ao exterior de Galicia rozaban xa os 15.000 millóns, o que se supón un incremento de case o 23% con respecto aos mesmo período de 2020. Unhas cifras ás que cabe sumar tamén o aumento do número de empresas exportadoras galegas, situándose en 7340, o que supón unha suba de 1670 firmas (29,5%) con respecto ao mesmo período do pasado ano.
O director do Igape valorou o esforzo que están facendo as empresas galegas non só para recuperar o nivel de exportacións previo á pandemia, senón tamén para mellorar os rexistros históricos e contribuír á recuperación económica.
“Desde a Administración seguimos activando medidas destinadas a facilitar esta procura de novos mercados”, explicou Guldrís, ao mesmo tempo que salientou a importancia de liñas de axudas como Galicia Exporta Dixital que, no caso de Atilano Anllo, permitiulle activar unha nova web encamiñada á venda online coa que está a consolidar a súa posición en Portugal.
Este programa está a facilitar apoios ao tecido empresarial para promover a expansión internacional a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras. Unha iniciativa que, ata o momento, leva impulsados 18 proxectos de internacionalización na provincia de Lugo por un importe próximo aos 600.000 euros.
Así, o director do Igape puxo en valor a colaboración público-privada como un esforzo conxunto que conta co apoio dunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025, unha folla de ruta que busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.