Foz, 13 de novembro de 2021. Os gobernos teñan a obriga de xestionar os intereses dos seus administrados sen mirar a cor política de quen rexe os organismos ou administración fronte aos que os ten que defender. O alcalde de Foz e presidente da mancomunidade de A Mariña, Fran Cajoto, en vez de defender debidamente os intereses da súa comarca enreda tratando de usar os problemas como ariete contra os gobernos do PP. O portavoz popular en Foz e na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “O que desexamos os veciños de A Mariña e os de Foz do noso alcalde e presidente da mancomunidade, Fran Cajoto, é que defenda os intereses da industria da comarca fronte aos agravios e á nefasta estratexia enerxética do Goberno central, porque os compañeiros de partido do señor Cajoto están prexudicando coas súas decisións a competitividade das empresas de A Mariña”
Castiñeira manifestou: “Queremos conservar os traballos que hai xerados nestes últimos anos en A Mariña e, se hai novas oportunidades, moito mellor. Para iso é preciso un estatuto electrointensivo que axude á competitividade das nosas empresas. Ata agora non o temos. Son necesarios custos enerxéticos moi inferiores aos actuais. O problema do custo da electricidade está a prexudicar a Alcoa, e tamén a outras moitas empresas, como Vestas e outros grandes consumidores de enerxía eléctrica. Pero tamén o prezo do gasóleo. Saen prexudicados os transportistas de A Mariña e ás pequenas e medianas empresas da comarca; comercios, bares, restaurantes, talleres, etcétera. Todos están prexudicados pola falta de estratexia enerxética do goberno de España. E é aí onde queremos ver ao presidente da nosa mancomunidade. Sen iso, dende logo A Mariña non ten futuro”.
Tamén di Castiñeira: “Por outro lado, a Xunta de Galicia está a velar porque A Mariña siga sendo unha potencia forestal e para iso pensa nesa fábrica de produción de fibras téxtiles con materiais forestais. Para iso traballa a Consellería de Industria. Que non se preocupe o señor Cajoto; ten que preocuparse de que haxa unha política enerxética competitiva para A Mariña e a partir de aí poderiamos falar dun bo traballo do presidente da mancomunidade, alcalde de Foz; a día de hoxe, está escondido, especialmente diante do moi grande problema que ten a industria da nosa comarca, que é precisamente a falta de competitividade polos altos custos enerxéticos provocados pola mala estratexia do Goberno de España”.
O portavoz popular indica: “É lamentable que a Cajoto nunca se lle ocorrera facer unha fronte común para manter reunións cos ministerios para reclamar o mesmo que reclama o comité de empresa de Alcoa dende hai dous anos. Tampouco tivo a ocorrencia de solicitar unha reunión cos responsables da SEPI para que leven a cabo a intervención temporal da empresa”.