Lugo, 13 de novembro de 2021. A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo vén de asinar un convenio de colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense polo que destina 56.000 euros ás iniciativas turísticas proxectadas na comarca ao longo deste ano.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o financiamento está destinado a consolidar as propostas de Turismo slow, A Mariña en Ruta e as Rutas de artesanía así como as audioguías ficcionadas, iniciativas que se puideron retomar nos últimos meses logo da parálise provocada pola situación sanitaria.
Tamén se asumen custos de promoción e comunicación, ou o mantemento e mellora das redes sociais e a web do xeodestino, entre outros aspectos. A Xunta achega máis do 80% do orzamento e a Mancomunidade inviste 11.200 euros ata completar os 67.200 de investimento previsto.
Arias sinalou que este acordo dá continuidade aos convenios que o Goberno galego subscribe con regularidade cos xestores dos diferentes xeodestinos constituídos en Galicia “para configurar unha oferta diversa, diferenciada e desestacionalizada que explore o particular potencial de cada territorio”. Neste sentido, lembrou que os xeodestinos teñen un especial protagonismo nas accións de promoción turística da Xunta.
Ademais, o delegado territorial de Lugo incidiu na aposta da Xunta pola sustentabilidade turística cofinanciando proxectos como o Plan de Sustentabilidade Turística Mariña Lucense, aprobado polo Ministerio de Turismo este ano xunto co de Ourense Termal. O Goberno galego inxecta 2,3 millóns nestas dúas iniciativas, no caso da Mariña lucense de 1,3 millóns de euros.
Así, sinalou a importancia deste plan para poñer en valor o potencial turístico da Mariña lucense, en especial os recursos das áreas rurais, apostando pola súa transformación cun modelo máis competitivo, innovador e participativo. O obxectivo é reforzar a confianza do viaxeiro e fomentar a comarca como destino seguro tras o impacto da crise do coronavirus para atraer aos visitantes a unha zona que conta con todos os atractivos para a recuperación do sector.