Santiago de Compostela, 12 de novembro 2021.- O BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta autorice poder cursar as materias troncais, como Latín e Grego, e nos IES rurais con independencia do número de alumnado matriculado e do profesorado do centro, cubrindo todas as necesidades, xa que o “carácter xeral” das instrucións debe non terse en conta en centros do rural.
Así o propuxo o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, quen tamén defendeu a autorización para poder cursar as materias específicas con menos de cinco alumnos alumnxs, se hai profesorado suficiente no centro, recorrendo ao ensino a distancia só se é solicitado voluntariamente polo alumnado afectado.
Lourenzo reprobou o cambio de criterio da Consellería de Educación que afecta á oferta educativa na ESO e no Bacharelato “e que fai que agora haxa alumnos e alumnas que, mesmo habendo profesorado no centro e dispoñibilidade horaria, non puideron acollerse a unha oferta educativa en materias como, por exemplo, Latín e Grego, máis non só, e que non puideron optar polo itinerario que querían”.
Neste sentido explicou que, ata o de agora, as instrucións para o desenvolvemento do curso escolar establecía, no caso das materias troncais de Bacharelato, un número mínimo de cinco alumnxs “con carácter xeral”, independentemente de que fosen centros educativos urbanos ou rurais, e que cando esas materias troncais se cursan dentro do bloque das materias específicas, esa limitación de cinco alumnxs márcase con carácter fixo no medio rural, sendo de 10 no ámbito urbano.
“A Consellería viña permitindo en determinados casos que, se existía profesorado no centro con dispoñibilidade horaria, se puidese ofertar esas materias mesmo sen acadar o número mínimo de alumnos”, indicou, para subliñar a continuación que o que aconteceu neste curso foi que “Inspección educativa sinalou que nas zonas rurais non se ían facer excepcións”, que posteriormente estendeu a zonas urbanas.
Para o deputado nacionalista, isto provoca “unha clara discriminación” para o alumnado dos centros rurais, que provoca que un alumno ou alumna que quere cursar un determinado bacharelato “ou cambia de centro, ou ten que coller outras materias que non quere, ou se matricular das da súa na modalidade a distancia”.
Lourenzo incidiu en que son materias de 2º de Bacharelato que ponderan para determinados graos universitarios e que, coa ollada posta na nota da ABAU da selectividade, o alumnado quere cursar, engadindo ás nomeadas Latín e Grego, outras afectadas como Física, Historia da Arte, Debuxo Técnico ou Francés. “E falamos de centros como Melide, Chantada, Cangas, A Estrada, Becerreá, Bande ou mesmo A Coruña e Lugo”, subliñou.
Nesta liña, sinalou como responsable “desta desfeita” á Secretaría Xeral de Educación, quen ordenou, e así o comunicou aos centros, non admitir que se impartise ningunha materia que tivese menos de cinco alumnxs, “é dicir, anular a excepcionalidade que se viña aceptando curso tras curso de impartilas, sempre que houbese profesorado dabondo no centro”.
O deputado nacionalista recordou que, logo da denuncia inicial de CIG-Ensino e do propio BNG no Parlamento, a Consellería comezou a admitir algunhas excecpcionalidades, como aconteceu coa materia de Grego no IES de Elviña ou coas de Debuxo Técnico e Grego no IES Fernando Wirtz, ámbolos dous centros na Coruña ou no IES María Soliño de Cangas, “mais continúa noutros centros a discriminación de alumnado que se ve obrigado a cursar materias que non son as da súa elección porque a Consellería antepón o criterio economicista aos dereitos dos alumnado”, concluíu. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.