Compostela, 10 de novembro, 2021. O deputado do PPdeG José Manuel Balseiro formulou esta mañá no Pleno do Parlamento galego unha pregunta ao Vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, na que se interesou polo proceso de venda da fábrica de aluminio de San Ciprián. O represente do Goberno galego advertiu de que a solución en Alcoa só será posible se existe unha implicación real e efectiva do Goberno de España e da empresa e volveu insistir en que sen un prezo eléctrico competitivo será imposible atopar un comprador viable para esta factoría porque carece do escenario enerxético necesario para presentar as súas ofertas.
Pola súa banda o deputado popular advertiu da perda de fe dos traballadores na clase política tras observar –como aconteceu onte no Parlamento galego- que se aproban por unanimidade propostas e solucións para este conflito industrial pero despois non se cumpren “Basta xa de tomar o pelo a esta xente. Toca pasar das intencións aos feitos. Como poden facernos crer que PSOE e BNG socios en moitas institucións non poden forzar ao Goberno de Pedro Sánchez a acordar a intervención pública inmediata de Alcoa San Ciprián e desde a Moncloa –de quen pedende a SEPI- fan oídos xordos”
Balseiro foi moi crítico con socialistas e nacionalistas aos que acusou de levar anos facendo “un paripé” incluído o pacto de investidura entre Ana Pontón e Adriana Lastra que prometeu unha solución para estes traballadores “e quedou en papel mollado”, porque non cumpriu ni cos compromisos de facer un estatuto para as empresas electrointensivas que ofreza unha tarifa eléctrica estable e competitiva. O deputado popular pediu ao BNG que “sexa valente e condicione os pactos de gobernabilidade co PSOE a unha solución para Alcoa”, algo que non fan os nacionalistas porque non teñen vontade, “nin queren perder moquetas e despachos”.