Ribadeo, 10 de novembro de 2021. O Concello de Ribadeo asinou, un ano máis, un convenio coa asociación Educando en Familia que presta axuda e asesoramento a 40 familias ribadenses con nenos e nenas de 0 a 6 anos. O importe ascende a 4.000 euros.
O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “seguimos apoiando desde a Área de Educación, que leva a miña compañeira Mariluz Álvarez Lastra, coa sinatura deste convenio anual con esta asociación que se chama Educando en familia. A través deste convenio, por un importe de 4.000 euros, lle estamos dando axuda e asesoramento a unhas corenta familias con nenos entre 0 e 6 de anos de Ribadeo, con especial atención a aquelas familias que se atopan en risco de exclusión ou incluso con aquelas que son monoparentais”.
O rexedor subliñou que “con este convenio estamos promovendo que un equipo educativo moi profesional, composto por docentes especializadas e con moita experiencia, poidan dar unha serie de consellos, de asesoramento ás familias de como educar aos nenos, como se lle transmiten os valores, as disciplinas, as tolerancias, as importancias dos xogos, os perigos do consumismo, etc…, e todo isto para favorecer que as familias estean tamén atentas a todas as etapas evolutivas polas que van pasando as súas crianzas, para poder así abordalas con seguridade, con normas, con límites, etc…”.
Suárez Barcia lembrou que “esta é unha anualidade máis. Xa desde hai anos vimos colaborando con esta asociación, pero queremos seguir traballando porque a importancia que ten un Concello non soamente é facer rúas e beirarrúas, iso tamén hai que facelo, pero tamén hai que apoiar este tipo de iniciativas sobre todo cando a administración educativa, autonómica neste caso, non se fai cargo e os Concellos, aínda que non sexa unha competencia directa nosa, temos que seguir apoiando estas iniciativas tan interesantes”.