Cervo, 9 de novembro de 2021. A Consellería de Emprego e Igualdade vén de clausurar o obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove VII coa entrega de diplomas aos participantes. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que esta iniciativa ten continuidade nunha nova edición que xa está en marcha dende hai tres semanas. Entre ambas, apuntou, suman un investimento de 693.900 euros e ofrecen formación a 40 traballadores desempregados.
Arias participou no acto de clausura xunto cos alcaldes dos concellos promotores: Alfonso Villares (Cervo), Alfredo Llano (Burela) e Demetrio Salgueiro (Xove). Os 20 alumnos traballadores recibiron os certificados de profesionalidade que os acredita para exercer a especialidade elixida; neste caso, 14 formáronse na modalidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e outros seis na de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.
Ao tempo que recibían formación teórica e práctica, os participantes traballaron realizando obras e servizos nos municipios promotores. Así, en Cervo ocupáronse do mantemento e mellora de parques como o das Lobeiras ou o Reina Sofía de San Cibrao, e tamén do axardinamento de rotondas e áreas verdes en xeral. Ademais, ocupáronse da limpeza e rexeneración do bosque autóctono da zona forestal verde do polígono industrial de Cuíña.
Tamén en Burela traballaron na restauración ambiental da cunca dos regatos de río da Vila (Pomeda) e das Pasadiñas e o acondicionamento de zonas verdes como o parque Rosalía de Castro, a área recreativa do Cantiño e o paseo marítimo.
Pola súa banda, en Xove realizaron obras de mantemento e mellora de instalacións municipais, como o pavillón de deportes, biblioteca, salón de actos, oficinas municipais e a piscina. Tamén nos depósitos municipais de auga situados nos núcleos de Xove, Palmeiro, O Cruceiro, A Rigueira e Monte; en fontes e lavadoiros públicos, e en distintos elementos de mobiliario urbano, entre outros.
A oitava edición do obradoiro supón novas oportunidades laborais para outras 20 persoas sen emprego destes municipios así como continuar cos labores de mellora dos espazos públicos.
En marcha os novos proxectos
No conxunto da Mariña arrancaron cinco novos obradoiros duais o 15 de outubro, nos que participan 13 concellos da comarca e que formarán a 100 persoas en total. O investimento conxunto ascende a 1,7 millóns de euros.
Xunto ao citado Sendas de Burela, Cervo e Xove VIII, deron inicio Serra da Cadeira VI, impulsado por Trabada con Lourenzá e Barreiros; Terras do Sor V, promovido por Ourol co Vicedo e Muras; Terras do Ouro 2021, que agrupa a Foz, Alfoz e O Valadouro; e Ribadeo prepara o teu Camiño, un taller individual.
Ademais, A Pontenova participa coa Fonsagrada e Negueira de Muñiz no taller de emprego Madeira de futuro.