Santiago, 8 de novembro de 2021. O Grupo Popular demandará mañá no Pleno do Parlamento galego a intervención temporal por parte do Goberno central da factoría de Alcoa en San Cibrao para a súa posterior venda a un inversor privado que garanta un proxecto industrial viable. Así mesmo, solicitará que o Goberno de España se implique no Pacto de Estado por Ferrol, no que se prevé a posta en marcha dunha Zona Franca no porto ferrolá que dinamice a actividade comercial e industrial desta comarca.
O portavoz popular, Pedro Puy, afirmou que o Grupo Popular centra as súas iniciativas na sesión plenaria que se celebra esta semana na recuperación da actividade industrial en Galicia e, sobre todo, no ámbito das empresas electrointensivas e no sector naval da ría de Ferrol.
DECISIÓNS IMPROVISADAS E PRECIPITADAS
Así, Puy considerou “importante tomar medidas urxentes respecto dos sectores industriais que máis dependen da enerxía eléctrica”, xa que, aínda recoñecendo que “compartimos a necesidade da descarbonización do noso sistema produtivo”, lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez está a adoptar decisións “dunha maneira improvisada e precipitada, como é o caso do peche da central térmica de As Pontes, que agora se vai reabrir como consecuencia da escaseza de enerxía e a un custo altísimo”.
En concreto, o Grupo Popular insistirá na demanda ao Goberno central para que active urxentemente medidas en favor da industria electrointensiva para garantir a súa viabilidade presente e futura, como o incremento das subvencións para a compensación de custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro ou a convocatoria, de modo inmediato, das poxas de electricidade de orixe renovable.
Pedro Puy afirmou que a grave situación da industria electrointensiva está a afectar especialmente á comarca lucense de A Mariña e á factoría de Alcoa en San Cibrao. “Alcoa non sairá adiante se non se compren dúas cousas: que as empresas electrointensivas teñan un prezo competitivo, e o Goberno central e a propia empresa tomen en serio o proceso de venda que garanta a súa continuidade”, apuntou.
Deste xeito, o portavoz do Grupo Popular amosou “o noso apoio á posibilidade de que, mentres se atopa un comprador e o prezo da enerxía se regula, haxa unha intervención temporal por parte do Estado para posteriormente proceder á venda desta empresa a un inversor privado que garante un proxecto industrial viable”.
ZONA FRANCA E DELEGACIÓN DA XUNTA EN FERROL
En segundo lugar, o Grupo Popular volverá solicitar ao Goberno central que reforce a actividade dos estaleiros públicos de Ferrol co encargo dun buque de acción marítima para os estaleiros de Navantia, xa que “levamos anos de atraso na construción das fragatas F-110”. Así mesmo, Puy engadiu que “continuaremos propoñéndolle ao Estado a súa implicación no Pacto de Estado por Ferrol proposto pola Xunta de Galicia, para que haxa unha resposta conxunta ante a crise industrial e de emprego que vive a comarca ferrolá”.
Dentro dese Pacto de Estado, Pedro Puy apuntou que “o Goberno central debería impulsar a creación dunha Zona Franca no porto de Ferrol, ao tempo que a o Goberno galego tamén impulsará a posta en marcha dunha delegación da Xunta nesta comarca que atenda de primeira man as necesidades de Ferrolterra”.