A Pontenova, 31 de outubro de 2021. O Concello de A Pontenova non celebra plenos dende o mes de xullo. O motivo débese a que o secretario da entidade local está ausente por enfermidade e o rexedor aínda non foi quen de corrixir a situación. Esta situación provoca, segundo advirte o voceiro do PP, David Álvarez, que o Consistorio estea “inmerso nunha parálise absoluta dende hai tres meses”.
A última sesión data do 29 de xullo. Naquel momento, o rexedor socialista comunicoulle a Álvarez que, mentras non se resolvese a cuestión, “a situación quedaba en stand by”. Para o popular esta contestación é “inaceptable”.
“Esta non é forma de levar a cabo o labor do goberno. O que temos é un desgoberno. É obriga do dirixente local convocar os plenos cada dous meses. Non nos parece seria esta demora”, insiste.
Neste senso, o voceiro do PP considera que esta “deixadez de funcións” do alcalde é a responsable de que “tamén estea paralizada a actividade da oposición porque as iniciativas rexistradas para os plenos non foron debatidas tampouco. Non sei se os veciños estarán dacordo con esta forma de gobernar”, apunta.
Comisión de Contas
O popular, tal e como xa lle trasladou ao rexedor na sesión de xullo, manifesta o seu interese por participar na Comisión de Contas do Concello para coñecer cal é o seu estado e pide que a súa convocatoria se faga nun tempo no que “todos poidamos asistir, xa que debido ás nosas profesións a veces resúltanos imposible”. Álvarez fai esta afirmación porque xa son tres as ocasións nas que o alcalde fixo coincidir a celebración deste órgano con períodos vacacionais.