A Mariña, 29 de outubro de 2021. Boa acollida das III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña e que arrincan hoxe mesmo na Pontenova. Nesta ocasión están destinadas aos profesionais do turismo, da hostalería e do comercio da comarca, das axencias de viaxes e dos centros educativos de Galicia así coma ao público e xeral.
As Xornadas deron comezo esta tarde na Pontenova co paso polo taller de Rodil, ferreiro participante deste municipio e cunha visita guiada da man do técnico de turismo municipal Carlos Morado. Mañá, sábado, será a quenda de Mondoñedo, cun percorrido polo barrio artesán por excelencia, o dos Muíños, con visita este ano aos monicreques de Ton Arenas, ao obradoiro de La Botica del Abuelo e ao centro histórico da cidade coa Audioguía Ficcionada Mondoñedo e Familia. E este domingo a iniciativa chegará a Viveiro coa visita ao ceramista Otero Regal e á exposición permanente antesala dun museo no casco histórico de Viveiro.
O 12 de novembro as III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía seguirán en Burela coas redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e a visita ao Barco Museo Reina del Carmen, antigo boniteiro que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito. O día 13 a iniciativa chegará a Cervo coa visita ao estaleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, e ao Museo Provincial do Mar. As xornadas rematarán o 14 de novembro en Foz coa visita ao artesá e artista plástico Daniel Caxigueiro e ao seu espectacular xardín botánico, un percorrido pola Basílica de San Martiño de Mondoñedo ou pola fervenza de Santo Estevo do Ermo en Barreiros. Todas as visitas correrán a cargo de Noela Feal, que é guía oficial de Galicia e artesá.
Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense a súa axente de Desenvolvemento Turístico, Tania Hermida, subliña que “a Ruta dos Ferreiros e a que faremos a estaleiros Fra están completas, a de Espazo Caritel témola a puntiño de completarse e para o resto queda algunha praza”.
As actividades son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e ás propostas complementarias. Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608, xa que as prazas son limitadas.
O presidente do ente, Fran Cajoto, recalca “a importancia que teñen estas iniciativas para desestacionalizar o turismo ofrecendo diferentes alternativas das que poden gozar durante o outono tanto as veciñas e os veciños da Mariña como aquelas persoas que se achegan á nosa comarca para descansar nesta época do ano, para pasar unha ponte festiva ou unha fin de semana diferente”.
Cajoto engade que “estamos satisfeitos coa acollida que están a ter estas Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, ao igual que con A Mariña en Ruta, a outra iniciativa que temos en marcha e que concluirá na primeira fin de semana do mes de decembro”.
As III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía arrincaron esta tarde na Pontenova. No acto de inauguración participaron o alcalde, Darío Campos, o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, o ferreiro Rodil, e Paloma Vázquez, xefa da Área de Turismo da Xunta en Lugo.