Ribadeo, 29 de outubro de 2021. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca que “a Xunta inclúe a Ribadeo no Plan de Infraestruturas de atención primaria que permitirá dotar ao noso concello dun novo centro de saúde que, ademais, incluirá novos servizos”.
Así o manifesta tras a aprobación no Consello da Xunta do Plan de Infraestruturas da atención primaria poñendo en valor que se trata “dun dos investimentos máis importantes para Ribadeo nos últimos dous anos”.
O popular subliña que “esta nova inversión da Xunta chega despois dun traballo de moitos meses e dunha xestión constante por parte do Grupo Municipal Popular. A pesar de que é máis difícil traballar dende a oposición, estamos comprometidos con Ribadeo e cos ribadenses”.
Vega remarca que “será necesaria a colaboración do goberno local porque o Concello deberá ceder unha parcela onde construír o novo centro de saúde”.