Viveiro, a 26 de outubro de 2021: O pasado 17 de outubro, a comarca da Mariña participou masivamente nunha nova manifestación co lema “FUTURO PARA A MARIÑA”, convocada polos tres sindicatos, CCOO, CIG e UGT. Agora, baixo idéntico lema, convocamos de novo a toda a veciñanza a secundar unha folga xeral para o mércores 17 de novembro, que afectará a todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Comarca de A Mariña.
A convocatoria da folga, que se iniciará ás 00 do mércores 17 e rematará ás 24h dese día -agás para as quendas que comecen e rematen antes desas horas-, foi entregada esta mañá no rexistro da Consellaría de Emprego e Igualdade polos/as responsábeis comarcais das tres centrais sindicais, quen reclamaron medidas inmediatas porque “a pobreza, a desertización industrial e o despoboamento da nosa comarca poden ser imparables”.
Xa o pasado ano, cando se convocou a manifestación do 22 de xuño, os tres sindicatos consideramos a posibilidade de convocar unha folga, pero, dada a situación de pandemia na que estabamos inmersos e a situación tanto da industria como do comercio e hostalaría en toda a contorna, decidimos adiar a convocatoria, ao entender que non era o momento.
Pero dende aquela ata o día de hoxe, ano e medio despois, non só non se produciu ningún avance, nin se achegaron solucións ao abandono e á crise industrial, económica e social que atravesa a comarca, senón que a situación foi a peor:
As infraestruturas que reclamabamos seguen sen ser executadas.
Non se arranxou o conflito de ALCOA
VESTAS presentou un ERE extintivo
Houbo unha perda cuantiosa de servizos: bancarios, TXSS, FACENDA, SMAC
O FEVE está en absoluta decadencia
O desmantelamento do Hospital da Costa vai a máis, e aínda que acaban de aprobar un equipo de resonancia fixa, as viaxes a hospitais de Lugo aumentan cada vez máis.
A maiores, nesta última semana acábase de facer público que:
Nos orzamentos do Estado soamente hai unha partida de cen mil euros para cada tramo da A-74 (igual que o pasado ano).
Nos orzamentos de Galiza non hai nada referido a esta comarca e, por riba, o PP no Parlamento de Galiza non deu o seu apoio ás mocións do PSdG e BNG que pedían un plan de reindustrialización para a Mariña.
En definitiva, que todo o apoio que os partidos políticos da comarca manifestan ás nosas reivindicacións non se ven reflectidas nos feitos tanto da Xunta (PP) como do Estado (PSOE-UP).
Como ben dicíamos na lectura do manifesto do pasado día 17, A Mariña precisa feitos e non boas palabras! A Mariña precisa feitos e non fume! E estes feitos terían que verse tanto nos Orzamentos do Estado como nos da propia Xunta porque, doutro xeito, volveremos estar, un ano máis, sen nada.
Resulta evidente que as multitudinarias manifestacións de xuño do ano pasado e do 17 de outubro puxeron enriba da mesa as nosas reivindicacións como comarca, pero vistos os acontecementos posteriores non foron tidas en conta por quen ten capacidade de actuar. O pasado ano os gobernos de Madrid e Santiago ignoraron nos orzamentos os compromisos que precisabamos. Este ano volven facelo, pero desta volta non imos cruzarnos de brazos. Imos demostrarlles a nosa firme decisión de loitar para arrancar compromisos reais e palpables, compromisos que se plasmen nos orzamentos e que signifiquen que as cousas van cambiar para mellor. Non podemos deixar de novo pasar a oportunidade de facer realidade os seus compromisos verbais.
Chamamento a toda a sociedade
Por todo iso, tendo en conta a transcendencia para esta comarca do que reclamamos, tendo en conta o crítico momento no que estamos e a urxencia para poder incidir nos orzamentos para o 2022 tanto do Estado como de Galiza, é polo que decidimos convocar esta FOLGA XERAL COMARCAL.
Somos conscientes da transcendencia que unha medida deste calado ten, da perda económica que supón para as traballadoras e traballadores, tamén para o conxunto da sociedade. Pero estamos convencidos e convencidas de que é un esforzo mínimo comparado cos beneficios que pode reportarnos. A Mariña sálvase loitando e este é un paso máis na loita.
Só a inversión en infraestruturas, en servizos, poden crear as condicións axeitadas para conservar as nosas industrias, os postos de traballo e atraer investimentos que reporten a implantación de novas empresas e a creación de novos empregos.
Temos que recalcar que esta folga non é solo unha folga de traballadores e traballadoras. Esta folga é unha folga do pequeno comercio, autónomos, hostalaría, portos pesqueiros e toda a veciñanza. É unha Folga de toda a Comarca. Por iso, SOLICITAMOS que se unan a este paro, igual que o fixeron o 22 de xuño e o 17 de outubro cando nos manifestamos POLO FUTURO DA MARIÑA, porque seguimos pedindo o mesmo.
Sabemos que é un sacrificio, nunca é doado pechar, pero sempre será máis doado pechar un día por unha loita xusta que ter que botar o peche definitivo.