Santiago de Compostela, 23 de Outubro, 2021. O BNG retoma as xornadas Parlamento aberto, suspendidas na pandemia, para abordar o debate sobre a enerxía eólica e sobre o modelo que convén ao País partindo dunha premisa: o vento é dos galegos e das galegas e esta riqueza debe poñerse ao servizo das maiorías sociais, das familias e das empresas. En definitiva, debe usar para desenvolver Galiza cun modelo sustentable, respectuoso co medio rural e co medio ambiente.
Unha idea que a portavoz nacional, Ana Pontón, destacou na intervención de apertura da xornada, asegurando que están sobre a mesa dous modelos antagónicos que camiñan en dirección contraria: o que defende os intereses de Galiza, que representa o BNG; e o que defende os intereses do lobby eléctrico, que auspicia o Goberno do PP.
“Estamos nun momento clave para o desenvolvemento da enerxía eólica, mesmo diría nunha encrucillada con dúas direccións, por un lado o modelo depredador e especulativo que promove o Goberno de Feixóo facendo de comercial das eléctricas; por outro, o modelo sustentable do BNG, cunha premisa xusta e moi, moi fácil de entender: que o noso vento se poña a disposición do País, das familias e das empresas, para crear riqueza e emprego aquí, porque o vento de Galiza é dos galegos e das galegas”, argumentou a líder nacionalista.
“En definitiva, o modelo eólico sustentable a favor das persoas que defende o BNG e que, estou segura, apoia a maioría da cidadanía, fronte ao boom eólico depredador do PP a favor do lobby eléctrico”, sintetizou.
A formación nacionalista destaca que non se pode seguir cun esquema no que Galiza asume todos os custes, ambientais e sociais, por ser produtora de electricidade pero sen recibir ningún beneficio. Ao contrario, a cidadanía e as PEMES cada vez pagan máis nunha factura da luz convertida en estafa, hai miles de familias que sofren pobreza enerxética e miles de empregos en risco polos custes enerxéticos, mentres as eléctricas se forran. Este esquema é o que perpetúa a nova expansión eólica que impulsa o Executivo do PP.
“Hai que cambiar este modelo no que ganan as eléctricas e perde a maioría social e para iso fan falta dúas condicións: ter vontade política de facelo e ter medidas concretas para conseguir un modelo eólico a favor do País”, recalcou Pontón, para a continuación explicar as propostas “xustas e realistas” do Bloque.
En primeiro lugar, garantir a sustentabilidade e o medio ambiente, para iso a formación nacionalista propón ampliar a Rede Natura até o 20% e, por tanto, determinar que non se instale ningún novo parque eólico en zona de ampliación de rede natura, que xa quedou delimitada polo goberno bipartito pero que Feixóo ten conxelada desde hai doce ano.
Como segunda medida, a participación pública nos beneficios da riqueza eólica, lóxico que haxa un beneficio público e non só un lucro privado para unha presa de multinacionais como Iberdrola, Endesa, Naturgy enchendo o territorio de muíños cada vez de maior potencia e impacto.
Os datos son elocuentes: máis de 4.000 aeroxeradores en 106 concellos do rural que levan décadas soportando o custe ambiental pero seguen perdendo poboación, empregos, servizos e calidade de vida. Apenas un 5% de todo o beneficio queda nos municipios e menos do 2% da riqueza recae nos propietarios das terras. Hai que mudar esta realidade apostando por un desenvolvemento que poña o interese xeral por diante.
Terceira medida, vincular a instalación de parques eólicos a proxectos industriais que xeren emprego e riqueza aquí, porque resulta incomprensible que, en pleno boom, se pechen empresas que se dedican precisamente a construír parques, como foi o caso de Siemens-Gamesa ou agora a ameza de VESTAS.
Sustentabilidade e socialización dos beneficios
E, como cuarta proposta, abaratar a factura da luz a través da tarifa eléctrica galega aplicable a todas as fontes de produción de electricidade, unha tarifa máis baixa que compense o papel produtor, como é habitual en moitos países do noso entorno.
“O BNG da un si rotundo á enerxía eólica, pero a través dun modelo sustentable, respectuoso co rural e a favor da maioría social, porque non podemos permitir que esta riqueza se converta en barra libre para un novo pelotazo das eléctricas. O vento de Galiza e dos galegos e das galegas, e debe ser a xente deste País a que se beneficie desa riqueza”, concluíu Pontón.
A portavoz nacional agradeceu a aportación de expertos no sector enerxético como Anxo Calvo e Xosé Manuel Golpe como poñentes do primeiro panel da xornada; e a Belén Rodríguez, integrante da executiva de Adega, e Ariadna Fernández, en nome de colectivos de afectados na comarca do Deza, protagonistas do segundo panel de debate.