Santiago de Compostela, 20 de outubro 2021. O BNG volveu censurar hoxe no Parlamento galego a “inacción do PP na Xunta” ante a crise industrial que sofre A Mariña e, neste contexto, defendeu unha proposición non de lei, en concreto sobre VESTAS, para que a Xunta realice todas as medidas necesarias para parar o ERE e garantir o mantemento dos 115 empregos na factoría, unha medida que acadou a unanimidade da Cámara.
Na mesma iniciativa, o deputado nacionalista Daniel Castro propuxo tamén que o Goberno galego realice tamén as modificacións legais necesarias para o impulso de Plans de Desenvolvemento Industrial asociados ás novas instalacións eólicas nas que se terá en conta a construción de compoñentes e subministros no noso país e a vinculación a proxectos de xeración de valor engadido. E, por último, a posta en marcha dun Plan de Emprego e Industrialización para A Mariña, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento industrial e empresarial da comarca. Sen embargo, estas dúas medidas, consideradas por Castro como “vitais”, foron vetadas polo PP.
Sobre VESTAS, Castro advertiu ao Executivo do PP que ten as competencias en industria: “están dicindo que non son capaces nin de parar o ERE?”, cuestionou con severidade, para recordar a continuación que a responsabilidade de que exista o marco legal que permite este ERE é a reforma laboral do PP e aínda con isto e pese a levar gobernando en Galiza 12 anos e cunha consellería propia “que pode decidir sobre a industria do noso País” nin tomou ningunha medida, nin tampouco desenvolveu ningunha actuación para frear o peche de VESTAS.
Logo de recordar na comisión parlamentaria de Industria que o propio presidente da Xunta, Núñez Feixóo, sinalou en 2011 a VESTAS como “exemplo de emprego”, que hai tan só un par de anos foi o conselleiro de Industria o que falaba “de futuro prometedor no vinte aniversario da factoría”, criticou cun sinxelo interrogante: “pero en 2021, nestas semanas, onde estaban vostedes, que fixeron?”.
O deputado nacionalista pola Mariña reprobou ao grupo parlamentario do PP que volvera unha vez máis durante o debate parlamentario ao seu habitual “pim pam pum” co Goberno central botando balóns fóra, “cando todos os mariñáns e mariñás xa saben perfectamente que vostedes teñen todas as competencias en industria e que a 9 días de que acabe o proceso de negociación a Xunta non conseguiu nin que se alongase este proceso, nin que se parase o ERE, nin un comprador, nin un proxecto alternativo: a nada en absoluto”, concluíu.
Ademais de que a Xunta interveña de xeito urxente neste curto prazo para cando menos deter o ERE, considerou fundamental que no caso de novos proxectos industriais, como por exemplo no sector eólico, “ademais de cumprir coa legalidade, teñan que garantir que parte da súa construción e subministros se fagan no País”. Para Castro, trátase de “quitarlle o cartel de ‘se vende’ que o PP lle puxo a Galiza hai anos”, aínda que recalcou que para o Executivo Feixóo “é mellor poñer a Galiza nunha especie de Idealista ou de Fotocasa para empresas para que veñan aquí e esquilmen o que queiran, se forren e cando lles veña mellor outro lugar no mundo porque alí terán que pagar menos, marchen e deixen á xente no paro”.
O deputado mariñán do Bloque criticou a falta de política industrial da Xunta na comarca e os efectos devastadores que supón a súa inacción. “Industrias Pardiñas, Parquets Lorenzo, Ecar, Mobles Hermida, Construcións Mon, Ecesa, Conservas Alonso, Gres Burela, Costiña ou Sargadelos non son nomes soltos que se perden co paso do tempo, son persoas que quedaron sen emprego na comarca durante o Goberno do PP, sumando máis de 1.000 empregos directos destruídos e ao que agora hai que sumarlle a incerteza de Alcoa e de VESTAS que elevarían esta cifra a máis de 1.500”, censurou.
Por iso, considerou urxente o desenvolvemento dun Plan de Industrialización propio para A Mariña que o BNG leva reclamando dende hai anos e que o PP volveu rexeitar hoxe no Parlamento galego, fronte ao que se manifestaron as e os traballadores de VESTAS e aos que Castro trasladou o apoio do Bloque.