Mondoñedo, 15 de outubro de 2021. O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda impartiu este venres 15 de outubro ás 17:00 horas en formato online a “Xornada de introdución ao ecoturismo: Ferramentas para a mellora competitiva e sostible das empresas do sector turístico”.
O obxectivo principal desta xornada formativa foi o de introducir o ecoturismo como actividade clave do destino e presentar ferramentas para a mellora competitiva das empresas, a través da sustentabilidade e a innovación, e para a súa adecuación aos novos perfís do turista.
A xornada estaba dirixida as empresas da comarca do ámbito turístico, con interese na implementación dunha filosofía de negocio baseada na sustentabilidade medioambiental e social.
A través desta iniciativa o GDR busca promocionar e consolidar o produto de ecoturismo no territorio, apostando pola especialización do sector turístico local nunha tipoloxía de turismo actualmente en auxe.