Cervo, 14 de outubro de 2021. O Concello de Cervo abre o prazo de solicitude de axudas para a adquisición de libros e material escolar para as familias do alumnado de Educación Infantil (2º ciclo) dos dous centros do municipio nos que se imparte este ciclo educativo, o CEIP Península da Paz e o CEIP de Cervo.
A convocatoria permanecerá aberta ata o 3 de novembro.
O rexedor, Alfonso Villares, apuntou que “dispuxemos dunha partida orzamentaria de 8.000 euros para estas axudas e cada escolar recibirá un máximo de 130 euros en función da renda familiar”.
Cada impreso de solicitude deberá ir acompañado das fotocopias do DNI dos membros da unidade familiar, unha fotocopia do libro de familia, certificado do nivel de renda e factura da compra ou orzamento do material adquirido nun establecemento comercial do municipio. A documentación ten que presentarse no Rexistro Xeral do Concello.
Os impresos e as bases están dispoñibles na Casa da Cultura e no Concello de Cervo, ademais de do taboleiro de anuncios da páxina web municipal https://cervo.sedelectronica.es/board/.
Esta liña de axudas vén sumarse a outras que o Concello de Cervo convoca ano tras ano en beneficio das familias e da educación, como poden ser as axudas de transporte.
Para a Delegada de Educación, Dolores García Caramés, estas axudas “supoñen un apoio á hora de facilitar a educación das crianzas”. Engade tamén que “para o noso goberno a educación é un eixo fundamental dentro das nosas políticas e avogamos por seguir implementando medidas que sigan o camiño de favorecer e mellorar a vida das familias do noso Concello”.