Foz, 6 de outubro de 2021. O IES de Foz acolleu onte, martes, unha charla sobre o mercado de traballo 2.0 a cargo de Verónica Ramallal, de Pekecha. Foi unha actividade incluída nas Aulas de Emprendemento na Formación Profesional, proxecto que no centro focense está coordinado pola profesora Lucía Noelia García, que é a xefa do departamento de Formación e Orientación Laboral.
A subdirectora do IES de Foz, Leticia Maseda, explicou que “onte disfrutamos dunha charla de Verónica Ramallal, de Pekecha, dentro da actuación das Aulas de Emprendemento na formación profesional.
O obxectivo foi tratar de axudarlle ao alumnado a reflexionar sobre o seu verdadeiro valor diferencial e potenciar o seu talento para atender as necesidades do mercado actual. Analizaron o mercado de traballo 2.0 e viron as competencias máis demandadas. Tamén se abordou o concepto de emprendemento, marca persoal, talento, marketing dixital, inbound e redes sociais”.
Leticia Maseda engade que “a actuación Aulas de Emprendemento na Formación Profesional enmárcase no marco do fomento do emprendemento desenvolvido polo Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia (Eduemprende) constituíndo unha estratexia para impulsar as habilidades persoais e profesionais encamiñadas a potenciar o emprendemento e o autoemprego. Esta actuación establécese dentro da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Ministerio de Educación y Formación Profesional para o desenvolvemento do Plan de Formación Profesional para el crecimiento económico y social y la empleabilidad, enmarcado na segunda fase do Plan Estratégico de la Formación Profesional, na Agenda 2030 e nos Objetivos de Desarrollo Sostenible del Estado. Neste contexto, ponse en marcha a iniciativa de crear espazos de emprendemento nos centros docentes públicos galegos que permitan establecer unha estratexia para impulsar as habilidades emprendedoras imprescindibles no novo marco socioeconómico cara ao que se encamiña a nosa economía”.
Para rematar a subdirectora do IES de Foz indica que “o programa Aulas de Emprendemento na Formación Profesional ten como obxectivo a creación de aulas de emprendemento nos centros educativos públicos que impartan ensinanzas de grao medio ou superior de formación profesional co obxectivo de canalizar as iniciativas emprendedoras do alumnado, en particular do que está próximo a finalizar os ciclos.
Deste xeito preténdese facilitar a súa inserción e desenvolvemento no mercado laboral, tamén como traballadores por conta propia”.