Nota de Prensa
Por espazo de tres horas non se puido facer uso desta instalación de aterraxe que se emprega para servizos de emerxencia médica e traslados aéreos de doentes con patoloxías graves
O USO NON AUTORIZADO DO HELIPORTO DO HOSPITAL DA COSTA POR PARTE DA MINISTRA ELENA ESPINOSA SERÁ OBXECTO DE ANÁLISE NO PARLAMENTO DE GALICIA
* Jose Manuel Balseiro subliña que a titular do departamento ministerial de Medio Ambiente errou “nas formas, polo xeito no que utilizou o heliporto, e no fondo, porque a súa visita á Mariña non serviu para adquirir compromisos concretos para compensar os danos do temporal de choivas, nin para responder ás reclamacións efectuadas polos alcaldes”
* Elena Espinosa visitou a Mariña “para facerse a foto” pero, en plena época estival, moitas das praias que son da súa competencia presentan innumerables danos que non están a ser corrixidos do xeito preciso e que poden prexudicar ao turismo
Santiago, 25 de xuño de 2010.- O uso non autorizado do heliporto do Hospital da Costa (Burela) pola aeronave que trasladaba ata a Mariña lucense á Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño do Goberno central, Elena Espinosa, será obxecto de análise no Parlamento de Galicia despois de que o deputado Jose Manuel Balseiro Orol rexistrase unha iniciativa para clarexar os feitos acontecidos.
Ata o momento sabemos que a integrante do Executivo socialista central nin efectuou a correspondente solicitude, nin comunicou a súa intención de facer uso desta instalación de aterraxe que, como mínimo, por espacio de tres horas non puido ser empregada polos helicópteros sanitarios e de emerxencia encargados do traslado de doentes con patoloxías graves. Precisamente o heliporto do hospital está concibido para dar servizo a este tipo de medios e a súa operatividade debe estar supeditada ao uso das emerxencias sanitarias.
Segundo o deputado Jose Manuel Balseiro, autor da iniciativa, “resulta evidente que estamos ante un suceso escandaloso, xa non só polo feito de que esteamos a falar do uso indebido e temerario dunha infraestrutura pública autonómica, senón tamén porque vén a poñer de relevo un proceder soberbio da administración central que decide apropiarse durante un tempo dun espazo que nin é da súa titularidade, nin pode ser utilizado sen a comunicación previa necesaria para activar o protocolo que vén a garantir a súa utilidade preferente para as emerxencias sanitarias”
O deputado mariñán sinala tamén que a Ministra de Medio Ambiente, “errou nas formas e no fondo: nas formas polo xeito no que empregou o heliporto do Hospital, e no fondo, porque a súa visita non trouxo nada máis ca unha simple foto. Os propios alcaldes cualificaron de decepcionante a súa presenza na Mariña porque non adiantou compromisos claros a favor dos espazos afectados polo temporal, salvo no tocante ás praias que, en todo caso, en plena época de verán, aínda presentan graves danos, sen que a administración competente, o Goberno central, estea a desenvolver as tarefas necesarias para corrixilos, de tal xeito que pode verse prexudicado o sector turístico”.