A Mariña, 1 de outubro de 2021. Os populares lucenses condenan a actitude do PSOE lucense ao considerar “unha tomadura de pelo aos veciños da Mariña” que lle esixan medidas á Xunta cando “foi o Goberno do seu partido o que decretou a protección especial para o lobo deixando ás Comunidades Autónomas sen competencias”. Así o lembran o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e os voceiros popular en Muras e Ourol, Eugenia Requeijo e Pepe Hermida.
Salgueiro explica que “a Xunta deixa de ter competencias e, dende o momento da aprobación da orde ministerial que inclúe ao lobo ibérico na listaxe de especies salvaxes en réxime de protección especial (LESRPE), é o Goberno que ten a total competencia, tamén para dar axudas aos gandeiros afectados polos seus ataques, ao tratarse dunha norma superior”.
“Os socialistas o que deben facer é solicitarlle ao Goberno que acepte as alegacións á norma que protexe ao lobo que presentou a Xunta xunto a outras comunidades coma Asturias, Cantabria e Castela e León”, subliña Eugenia Requeijo. A este respecto, Pepe Hermida engade que “o máis responsable é facer unha fronte común na defensa dos gandeiros e de tódolos veciños que se están a ver afectados por ataques moi próximos ás casas e incluso a animais de compañía”.
De feito, incluso socialistas doutras comunidades -coma o director general de Ganadería do Principado de Asturias- dimitiron dos seus cargos mostrando o seu rexeitamento á decisión do PSOE no Goberno. “Aquí, pola contra, bótanlle a culpa ao PP e á Xunta que está do lado dos gandeiros e defendendo os intereses de tódolos galegos”, condenan.
Ausencias e contradicións
Os populares lamentan que a subdelegada do Goberno, que é a máxima representante do Executivo de Sánchez na nosa provincia e ademais é mariñá, estea “ausente” cando “é a que debería dar explicacións aos seus veciños sobre a protección do lobo ibérico”.
Igualmente subliñan tamén “as contradicións” da alcaldesa de Viveiro que “na Deputación votou en contra dunha moción do Grupo Popular para esixir ao Goberno que paralizase o proceso de incluír ao lobo como especie protexida e, posteriormente, apoiou no Concello unha iniciativa do PP no mesmo sentido”.