O Valadouro, 1 de outubro de 2021. A Xunta reubicará unha parada de autobús situada na Avenida de Viveiro, en Ferreira do Valadouro, noutro punto da mesma rúa, respondendo á solicitude formulada polas familias dun grupo de alumnos e alumnas que o utilizan para trasladarse ao IES Alfoz-Valadouro.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, que tratou este tema co alcalde nunha recente visita á localidade, explicou que unha vez analizada a situación se viu que “o cambio concreto desta parada é viable, e por iso a Xunta xa iniciou hai días o expediente de modificación da oferta do contrato de transporte para incluíla”.
O delegado indicou o especial traballo de seguimento que se vén realizando para tratar de atender as solicitudes rexistradas no inicio do curso escolar, asumindo todas aquelas que sexan tecnicamente viables.
“Algunhas das peticións recibidas son practicamente incompatibles entre si e expoñen moitas circunstancias individuais, polo que deben ser avaliadas tendo en conta a normativa existente que, entre outros factores, contempla límites de distancia e tempos de viaxe para que o servizo sexa efectivo e chegue a todos os usuarios en condicións óptimas”, concluíu Arias.